O delegado da Xunta, acompañado pola alcaldesa de Santa Comba, supervisou as obras de mellora levadas a cabo no seu polígono industrial ao abeiro desta orde o ano pasado

Trenor anima aos concellos a solicitar as axudas para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais da provincia

A nova convocatoria está dotada con 2,1 millóns de euros para que os concellos poidan impulsar a competitividade dos seus polígonos

As axudas son de concorrencia competitiva -tendo prioridade os Concellos Emprendedores- e terán unha intensidade do 80 % para mellora de iluminación, depuración de augas, xestión de residuos, infraestruturas viarias ou instalacións de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, así como servizos de subministración de gas ou hidróxeno verde

Estes apoios súmanse aos 3,5 M€ dirixidos á posta en marcha de novos viveiros industriais e de reforzo nas redes de distribución eléctrica dos parques empresariais

Santa Comba (A Coruña), 31 de xaneiro de 2023 O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado pola alcaldesa de Santa Comba, María Pose, informou que está aberta a nova convocatoria de axudas para a mellora de infraestruturas dos parques empresariais galegos, á que a Xunta destina un total de 2,1 M€. Esta liña permanecerá aberta ata o 2 de febreiro e ten como obxectivo dar resposta ás novas necesidades que teñen estas instalacións co obxectivo de modernizalas e ofrecer un mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías, así como promover o emprego local.

Trenor realizou estas declaracións tras supervisar as obras de saneamento que se levaron a cabo no polígono industrial deste Concello cun investimento de 100.000 euros dos que a Xunta aportou máis de 80.000 euros.

Trenor lembrou que o ano pasado na comarca de Bergantiños-Costa da Morte a Xunta aportou máis de 290.000 euros, para a mellora das súas infraestruturas industriais o que favoreceu un investimento total de máis de 429.000 euros nos parques empresariais da Laracha, Bértoa-Carballo e no da Mezquita-A Tella en Ponteceso. Na comarca de Santiago a Xunta investiu, no 2022, máis de 786.000 euros, para a mellora dos polígonos industriais de Melide, Negreira, Ordes, Oroso, Santa Comba, Val do Dubra e Boqueixón, cuxo orzamento total ascendeu a máis de 983.000 euros.

Os apoios, para este ano, son de concorrencia competitiva están dirixidos aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.

As axudas teñen unha intensidade do 80 % ata un límite máximo de 120.000 euros no caso de solicitudes individuais e de 138.000 no caso de que sexan conxuntas. Prevense, ademais, anticipos de ata o 25 % da axuda concedida. Na selección de proxectos teranse en conta criterios como se é Concello Emprendedor.

Esta liña contribúe a apoiar aos concellos galegos e pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia, polo que, neste sentido, encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para achegar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas.

Xunto con estas axudas, o Goberno galego seguirá executando en 2023 os apoios concedidos a maiores -por importe de 3,5 M€- para a posta en marcha de sete viveiros industriais e para o reforzo e extensión das redes de distribución de tres polígonos.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2023