A Xunta finaliza a mellora na rede de abastecemento de auga potable ao núcleo de Názara, no concello de Cenlle, que supuxo un investimento de case 40.000 €

A nova tubaxe vai desde o cruzamento de Cenlle cara a Esposende e continúa pola estrada provincial OU-0302

Esta intervención súmase ás actuacións de abastecemento e de saneamento realizadas pola Xunta no núcleo de Piñeiro, cun investimento de máis de 75.000 €

A Xunta continúa prestando apoio aos municipios para que poidan exercer de xeito eficiente as súas competencias de abastecemento, saneamento e depuración

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de entregar ao Concello de Cenlle as obras de renovación da rede de abastecemento de auga potable, ao núcleo de Názara, tras un investimento autonómico de preto de 40.000 euros.

Esta intervención incluíu a instalación dunha tubaxe de polietileno de 50 mm. de diámetro e 10 atm. de presión nominal, boca de rega, válvulas de comporta, válvula de baleirado e válvula redutora de presión.

O inicio da tubaxe realizouse no cruzamento de Cenlle cara a Esposende e continúa pola estrada provincial OU-0302.

Esta intervención de mellora do abastecemento no municipio ourensá súmase ás últimas actuacións de abastecemento e de saneamento realizadas no ano 2021 pola entidade hidráulica da Xunta no núcleo de Piñeiro, que supuxeron un investimento de máis de 75.000 euros.

A Xunta continúa prestando apoio aos municipios na planificación, execución e financiamento de infraestruturas hidráulicas de abastecemento, saneamento e depuración, que son servizos de competencia municipal básicos para a cidadanía.

No ano 2015 a Xunta tamén fixo unha aposta decidida para mellorar o bombeo desde o río Miño aos concellos de Cenlle, Punxín e San Amaro. Deste xeito, máis de tres mil persoas teñen garantido o subministro de auga potable, o que lle permitiu facer fronte aos problemas da seca e do arsénico que son frecuentes nesta contorna.

Data de actualización: 31/01/2023