O conselleiro do Medio Rural visitou hoxe no concello coruñés do Pino o complexo turístico “Vila Sen Vento”, financiado a través deste programa europeo

A Xunta pon en valor a contribución do Leader á dinamización do rural galego e á creación de riqueza e emprego

José González lembrou que hoxe, precisamente, remata o prazo de presentación de solicitudes na última convocatoria desta medida, cun orzamento conxunto de 15,3 millóns de euros para as anualidades de 2023 e 2024

Subliñou que no período 2014-2020 foron aprobados ao abeiro do Leader case 1.500 proxectos, que mobilizaron preto de 170 millóns, cunha axuda pública de 71,5 millóns de euros, a consolidación de 3.256 empregos e a creación doutros 933 novos postos

O complexo rural visitado hoxe contou cunha axuda de 97.000 euros para un orzamento que superou os 305.000 e salienta por contar con ata seis cabanas situadas nas árbores
 

O Pino (A Coruña), 31 de xaneiro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, visitou hoxe no concello coruñés do Pino o complexo rural turístico “Vila Sen Vento”, financiado a través da medida Leader. Tamén estivo presente no acto o alcalde da localidade e presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ulla Tambre Mandeo, Manuel Taboada. 

O conselleiro salientou que esta iniciativa -que contou cunha axuda de case 97.000 euros para un orzamento que superou os 305.000-, e na que destacan ata seis diferentes cabanas situadas nas árbores, cumpre claramente os requisitos establecidos na convocatoria Leader. Así, neste sentido, José González sinalou que contribúe a xerar e soster actividade económica no rural, á creación e mantemento de emprego e tamén ao aproveitamento axeitado dos recursos naturais, fomentando a concienciación e a adaptación diante do cambio climático.  

Última convocatoria

Nesta liña, o titular de Medio Rural puxo en valor a importancia do Leader para dinamizar o agro galego e lembrou que hoxe, precisamente, remata o prazo de presentación de solicitudes na última convocatoria deste programa. Son, recordou González, 15,3 millóns de euros para as anualidades de 2023 e 2024, que xestionan os 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Galicia, entre eles o de Ulla Tambre Mandeo. 

Neste mesmo contexto, o conselleiro subliñou que durante o período 2014-2020 que establece o PDR -sen contabilizar esta última convocatoria- foron aprobados ao abeiro do Leader case 1.500 proxectos, que mobilizaron preto de 170 millóns, cunha axuda pública de 71,5 millóns de euros. Estas iniciativas conseguiron consolidar 3.256 empregos e crear outros 933 novos postos de traballo. 

Ademais, resaltou González, a Xunta asinou recentemente as addendas aos convenios cos GDR galegos que permiten asegurar o financiamento necesario para estes grupos durante este ano. Así, engadiu, o equipo de 63 técnicos que traballan pegados ao territorio dentro destas entidades poderán seguir facéndoo, ao tempo que impulsan novas estratexias para o próximo período do programa Leader. De feito, indicou tamén o conselleiro, os GDR contan cunha axuda de 35.000 euros cada un para a elaboración destas estratexias, un orzamento conxunto que, polo tanto, ascende a 840.000 euros e que triplica o que tiveron en 2016 para a elaboración das estratexias actuais. 

A maiores, José González trasladou que neste ano tamén se están a executar os proxectos da última convocatoria de cooperación 2022-2023, que conta cun orzamento de 922.000 euros (case o dobre cá convocatoria anterior) e que, ademais, incrementouse o importe máximo de axuda a cada proxecto, pasando dos 100.000 ata os 150.000 euros. 

Lei de recuperación

Por último, o conselleiro valorou que os GDR xogan un papel fundamental dentro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, no sentido de explicar e asesorar tanto á poboación local como aos agricultores, gandeiros ou produtores forestais sobre as posibilidades que ofrece esta norma. Opcións para recuperar terra e identificar as zonas do territorio onde se dan as características máis adecuadas para a posta en marcha de ferramentas como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta.

 Neste eido, José González recordou que no primeiro ano de vixencia da lei estanse a mobilizar máis de 9.300 hectáreas en toda Galicia. Deste total, 8.788 ha corresponden a 21 polígonos agroforestais e 574 a 21 aldeas modelo. Así, remarcou, entre ambos instrumentos de recuperación estase a beneficiar a máis de 9.600 propietarios de máis de 35.000 parcelas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2023