A Xunta informa á Federación de Veciños da Coruña das axudas abertas de 3 M€ destinadas a garantir a súa actividade

O delegado da Xunta mantivo hoxe un encontro coa presidenta da Federación de Veciños da Coruña, Luisa Varela, para animar aos seus representantes a solicitar estas axudas

Anunciou que os apoios do Plan específico de acción comunitaria para asociacións de veciños e de mulleres rurais, e para comunidades de usuarios de augas están abertas desde o pasado 18 de xaneiro

Esta convocatoria vai dirixida a sufragar obras nos locais sociais destas entidades e a reparación das traídas de augas comunitarias, así como a adquisición de equipamentos

Un total de 224 colectivos beneficiáronse destas subvencións na comunidade o ano pasado

A Coruña, 31 de xaneiro de 2023 O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reunise coa presidenta da Federación de Veciños da Coruña para animar ás entidades veciñais coruñesas a solicitar as axudas do do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais -incluídas confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños-, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais que están abertas desde o pasado 18 de xaneiro e que estarán abertas ata o 17 de febreiro.

 

A Xunta manterá a dotación de 3 millóns de euros do ano pasado co obxectivo de garantir a actividade destes colectivos. De feito, esta orde de axudas permitiu a 224 entidades veciñais realizar obras nos seus locais sociais, adquirir novo mobiliario e equipamento ou reparar captacións e traídas de auga no caso das comunidades de usuarios de augas. Na provincia da Coruña resultaron beneficiarias 20 entidades por un importe de 206.266 euros. 

 

Desde a súa posta en marcha, en 2016, a Xunta leva investido no Plan preto de 19 millóns de euros cos que se apoiaron máis de 1.300 proxectos en toda Galicia.

 

Da nova convocatoria poderán beneficiarse as asociacións veciñais ou de mulleres rurais inscritas debidamente no rexistro de asociacións da comunidade central ou provincial e as comunidades de usuarios de augas rexistradas no libro de rexistro de augas do correspondente organismo de bacía.

 

Liñas de apoio

Entre os proxectos subvencionables inclúense dúas liñas, unha delas dotada con 2,5 millóns de euros para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e para obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas.

 

Os 500.000 euros restantes da outra liña financian a adquisición de equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias. En concreto, mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual ademais doutros recursos para actividades específicas.

 

As axudas económicas que se concedan poderán acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras, e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos.

 

Trenor destacou que o obxectivo é mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar a participación veciñal e a cohesión social, tendo en conta que estas asociacións son as entidades máis próximas á cidadanía para atender e canalizar as súas demandas.

 

Obras pendentes

Trenor tamén compartiu coa representante veciñal da Coruña a súa preocupación pola falta de implicación do Goberno local en obras tan importantes para os coruñeses como o centro de saúde de Santa Lucía ou o novo CHUAC. O delegado da Xunta trasladoulle “a firme vontade do Goberno galego para avanzar nestes proxectos pero incidiu en que sen a colaboración do Concello é imposible avanzar ao ritmo que nos gustaría”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2023