A Xunta planifica a colaboración coa Asociación Rioplatenses de Lugo na atención aos retornados da Arxentina ante o seu importante incremento

O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro con esta entidade que leva anos traballando coa colectividade de retornados arxentinos
 

A administración autonómica colabora con esta asociación a través dun acordo de 5.000 euros anuais
 

Rioplatentes súmase ao labor de información e asesoramento aos retornados que leva a cabo a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno situada na Delegación da Xunta en Lugo

Lugo, 31 de xaneiro de 2023

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo hoxe un encontro coa presidenta da Asociación de Rioplatenses de Lugo, Ana María Bereciartúa Gasparini, para coñecer as necesidades actuais de colaboración con este colectivo ante o importante incremento dos retornados procedentes da Arxentina que está a detectar esta entidade nos últimos meses.

O secretario xeral da Emigración recordou que a Xunta de Galicia colabora coa Asociación de Riplatenses de Lugo a través dun acordo de 5.000 euros anuais que permite a realización de diversas iniciativas que teñen como finalidade, principalmente, informar e asesorar no que precisen a estes retornados, de cara a facilitar a súa chegada á nosa sociedade. Neste senso, trasladou o compromiso da administración autonómica para continuar a colaborar coa entidade e así reforzar a súa labor de acollida e apoio a este colectivo, cada vez máis numeroso en Galicia.
 
Durante este encontro tamén se analizaron as actividades e iniciativas que esta asociación desenvolveu o ano pasado co obxectivo de integrar aos retornados do país do Cono Sur en Galicia, así como a planificación prevista para este 2023 neste contexto de incremento de retorno de galegos procedentes dos países da contorna do Río da Plata, especialmente, Arxentina.
 
Miranda recordou que a labor de asesoramento e información ao retornado desta entidade, vén a complementar o traballo que realiza a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno da Secretaría Xeral da Emigración e que se atopa na Delegación da Xunta en Lugo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2023