A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a unidade situada en Quiroga

A Xunta consolida a rede autonómica de atención temperá cunha nova orde de axudas que atenderá a máis de 5.000 nenos de toda Galicia

Esta nova orde, dotada con 12 millóns de euros, terá carácter plurianual para darlle aos concellos máis facilidades para a súa posta en marcha

Quiroga (Lugo), 31 de xaneiro de 2023 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas para a creación de unidades de atención temperá por parte de entidades locais. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe un destes servizos situado en Quiroga, onde apuntou que con esta nova orde atenderase a máis de 5.000 nenos de toda Galicia que presenten problemas de desenvolvemento.

 

A conselleira destacou que o Goberno galego fixo unha importante aposta durante os últimos anos por estes servizos de atención. Neste sentido, concretou que no ano 2009 existían dúas unidades na nosa Comunidade que daban atención a 15 concellos galegos, mentres que na actualidade son xa máis de 40 os centros que dan servizo a máis de 200 municipios. “É dicir, cada vez máis familias contan con este servizo ao carón das súas casas, o que fomenta a igualdade de oportunidades con respecto ás familias que viven nas cidades” afirmou.

 

Fabiola García sinalou a importancia deste recurso que identifica e actuar ante posibles problemas no desenvolvemento de nenos de ata 6 anos de idade. Como novidade, esta convocatoria —dotada con 12 millóns de euros— será de carácter plurianual, o que permitirá darlle aos concellos máis facilidades para a súa posta en marcha, ao garantir a seguridade financeira e reducir o papelame para solicitar as axudas.

 

Nova unidade no Corgo

A unidade de atención temperá situada no concello de Quiroga presta atención a oito municipios do sur de Lugo: Folgoso do Courel, Ribas de Sil, Bóveda, Sober, O Saviñao, Pantón, Pobra do Brollón e Quiroga. Máis de 70 nenos reciben atención gratuíta e especializada nas súas instalacións. Esta orde de axudas permitirá ademais a creación dunha nova unidade de atención no Corgo que dará atención a tres municipios: Castroverde, Baleira e O Corgo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2023