A Xunta destina preto de 2 M€ en axudas para a transformación de pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega da Industria Forestal cos 15 beneficiarios destas achegas convocadas o ano pasado, para un investimento de case 4,5 millóns de euros
 

Teñen como obxectivo apoiar ás actividades de valorización e segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract que empreguen a madeira e os seus derivados
 

As actividades subvencionables son as actuacións que teñen como finalidade directa ou indirecta a transformación destes materiais en procesos ou produtos -novos ou valorizados- que reduzan o impacto medioambiental destas industrias
 

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural, na que se indican os beneficiarios destas subvencións, por un importe propio de preto de 2 millóns de euros. Estas achegas teñen como obxectivo apoiar as actividades de valorización e segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract que empreguen a madeira e os seus derivados, a resina, a cortiza ou outros produtos de orixe forestal como materia prima para a elaboración dos seus produtos no mercado interior.

Estas axudas buscan contribuír á consolidación das pemes que conforman este sector, o que lles permitirá gañar en competitividade e apostar por procesos de produción con menor impacto ambiental. En concreto, beneficiáronse destas achegas 15 empresas e persoas autónomas da industria forestal e do contract radicadas en Galicia e que utilizan madeira e os seus derivados para un investimento de case 4,5 millóns de euros. Cabe sinalar a aprobación de varios controis numéricos por computadora (CNC), o que fai que o sector forestal galego sexa máis competitivo grazas á dixitalización dos seus procesos produtivos.
 

As actividades subvencionables son aqueles proxectos de investimento realizados polos solicitantes nos procesos de produción vinculados á transformación de produtos de orixe forestal, exceptuando os alimentarios, e que teñan como obxectivo aumentar a súa produtividade ou a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos, produtos valorizados ou procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental. Tamén son obxecto de subvención aqueles investimentos e gastos que garden relación directa co proxecto financiado, como compra de maquinaria ou outros bens de equipamento novos que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto.

A porcentaxe das axudas é do 50% dos investimentos realizados, ata un máximo de 200.000 euros por beneficiaro. Os criterios de baremación incluíron cláusulas sociais como puntuación adicional nos supostos de mulleres que desempeñen funcións de dirección ou xerencia (20 puntos). Así mesmo, recibiron tamén máis puntuación as empresas nas que maioritariamente o cadro de persoal sexa fixo (se é un 70%, 10 puntos; e no caso de chegar ao 80%, ata un total de 30 puntos).
 

Axenda de impulso da Industria forestal-madeira

Esta actuación enmárcanse na Axenda de impulso da industria forestal-madeira, unha folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.

Para acadar estes obxectivos, definíronse catro eixes fundamentais, relativos á mellora do capital humano a través da formación, ao impulso da innovación, á cooperación e valorización e á competitividade, desenvolvemento e diversificación do sector.

A través destes eixes e dun orzamento de 55,5 millóns de euros, a Axenda prevé mobilizar preto de 140 millóns de euros no reforzo da competitividade e da modernización dun sector clave no ámbito rural.

Enlace á resolución no DOG:

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2023