A Xunta concede unha axuda de 12.500 € ao Concello de Muros para auditar a rede de saneamento co fin de detectar verteduras e infiltracións e mellorar calidade das augas da ría

Ethel Vázquez incide no interese da entidade local en mellorar a eficiencia do servizo de saneamento, identificando os problemas e evitando prexudicar a actividade marisqueira
 

Na actualidade no municipio de Muros están conectados ao saneamento municipal case o 90% dos veciños, unha rede formada por 18 bombeos e 2 fosas sépticas; e conta coas depuradoras de augas residuais de Muros e de Esteiro, xestionadas pola Xunta, a través de Augas de Galicia
 

As infraestruturas hidráulicas tamén foron executadas pola Xunta na aposta que vén facendo pola mellora do saneamento que, na ría de Muros, se traduciu en investimentos por 45 M€
 

A conselleira de Infraestruturas avanza a ampliación do crédito para conceder estes incentivos ao resto de concellos que presentaron a solicitude e cumpren requisitos, arredor duns 30 máis
 

A conselleira do Mar salienta que as actuacións para garantir o bo estado das redes de saneamento contribúen a preservar a calidade das augas e facilitan o traballo dos profesionais do sector marítimo-pesqueiro
 

Muros (A Coruña), 30 de xaneiro de 2023

A Xunta concedeu unha axuda de 12.500 euros ao Concello de Muros para realizar unha auditoría na rede de saneamento que permita detectar verteduras e infiltracións, co fin de gañar en eficiencia na prestación do servizo e contribuír á calidade das augas da ría.

As conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, achegáronse hoxe a Muros, un dos 22 concellos beneficiarios da primeira convocatoria da liña de axudas dirixida a municipios de menos de 50.000 habitantes, lanzada o pasado mes de setembro, e dotada cun total de 300.000 €, para que poidan realizar auditorías nos sistemas de saneamento municipal co fin de erradicar as infiltracións de augas brancas na rede e evitar vertidos.
 
As representantes do Goberno galego, xunto coa alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, informaron aos veciños e aos representantes do sector marisqueiro da resolución, a pasada semana, da concesión destas axudas da Xunta aos municipios para que conten con ese instrumento básico para a detección e corrección de problemas nas súas redes municipais.
 
Vázquez Mourelle explicou que o Concello de Muros solicitou estas axudas, interesado en avaliar a rede municipal de saneamento, ver as posibles eivas e deficiencias para así, poder corrixilas e evitar verteduras ao mar que prexudican a calidade das augas e a actividade marisqueira.
 
Precisou que a entidade local, tras cumprir con todos os requisitos e presentar a documentación requirida, disporá desta axuda de preto de 12.500 € para realizar esa auditoría, para identificar os problemas que poidan ter as súas redes de saneamento: posibles entradas de augas brancas ou os puntos de alivio. Un traballo que, sen dúbida, redundará na mellora das augas da ría, salientou.
 
Segundo sinalou a conselleira, na actualidade no municipio están conectados ao saneamento municipal case o 90% dos veciños, unha rede formada por 18 bombeos e 2 fosas sépticas. Conta con 2 depuradoras de augas residuais, a de Muros e a de Esteiro, que son xestionadas pola Xunta, a través de Augas de Galicia. Abundou que estas infraestruturas hidráulicas tamén foron executadas pola Xunta no marco da aposta pola mellora do saneamento que vén facendo nos últimos anos e que, que na ría de Muros se traduciu en investimentos por importe de 45 M€.
 
Indicou que no marco desta convocatoria de axudas, para facilitar o traballo aos municipios, Augas de Galicia tamén pon á súa disposición un modelo de auditoría e protocolo de inspección das redes de saneamento, así como recomendacións para a súa realización. Estas auditorías, tal e como precisou a conselleira, para que sexan eficaces deben recoller un mínimo de información: descrición detallada do sistema, planos, documentación gráfica ou inspección dos puntos de control.
 
Ethel Vázquez apuntou á experiencia nos plans de saneamento local e os plans directores realizados pola Xunta e o constante contacto e apoio aos concellos nos servizos de saneamento e depuración, que revelan moitos problemas de infiltracións derivados da falta de control nas conexións ás redes existentes; ou a entrada de augas brancas, que redundan en ineficiencias na depuración, en vertidos, maiores consumos enerxéticos e afeccións ambientais. A Xunta calcula que a porcentaxe media de infiltracións nas redes de saneamento municipais sitúase no entorno do 40-50% do caudal circulante, e pode incluso, nalgúns casos, chegar ata o 90-95%.
 

Ethel Vázquez salientou o apoio da Xunta aos concellos na mellor prestación dos servizos da auga, unha competencia municipal, segundo establece a Lei de bases de réxime local, conscientes de que a correcta explotación e mantemento dos sistemas de saneamento, depuración e tamén de abastecemento municipais é unha tarefa moi complexa.

Fixo fincapé en que non se trata só de executar ou ter infraestruturas, hai que realizar tamén unha xestión eficiente deses servizos, de aí o apoio da Xunta ao concellos para que poidan realizar auditorías nas redes de saneamento municipais.
 
A conselleira avanzou, ademais que, ante a boa acollida destes incentivos, a Xunta ampliará o crédito para poder conceder a axuda a aqueles municipios que presentaron a solicitude e cumpren requisitos, arredor duns 30 máis.
 
Ethel Vázquez tamén se referiu á Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga impulsada desde a Xunta, en vigor desde setembro, que ten como principal cometido axudar aos concellos na xestión dunhas competencias municipais complexas, mellorando os servizos que se lles prestan aos cidadáns e contribuíndo ao coidado da calidade das augas das nosas rías, algo esencial para o sector do mar.

A conselleira do Mar, pola súa banda, destacou que as actuacións para garantir o bo estado das redes de saneamento son fundamentais para preservar a calidade das augas nas localidades do litoral. Neste sentido, incidiu en que as actuacións da Xunta para mellorar o saneamento das rías galegas contribúen a mellorar o seu estado e benefician tanto aos profesionais do sector marítimo-pesqueiro como ao conxunto da cidadanía. Así, as obras desenvolvidas neste eido polo Executivo galego desde 2009 posibilitaron unha melloría en 42 zonas de produción de moluscos bivalvos do litoral de Galicia.

A titular do Mar detallou que 14 desas zonas que melloraron a súa clasificación microbiolóxica se corresponden con polígonos de bateas (con preto de 940 bateas beneficiadas) e as 28 restantes son zonas de moluscos infaunais, con 145 bancos beneficiados e unha superficie estimada de preto de 16,11 millóns de metros cadrados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2023