A Xunta investirá 3,4 M€ ata 2026 no Programa de integración familiar para atender a nenos e familias nas que se dan situacións de desprotección ou maltrato

A través deste programa, que a partir de 2023 se desenvolverá mediante o réxime de concerto social, actúase nos fogares con nenos e adolescentes vulnerables en tres áreas: a funcionalidade, a preservación e a reunificación familiar

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria mediante o réxime de concerto social da execución do Programa de integración familiar, no que investirá 3,4 millóns de euros ata o ano 2026. A través deste programa, que nos últimos exercicios se desenvolve en colaboración coa Fundación Meniños, aténdese cada ano a uns 200 nenos e familias nas que se dan situacións de desprotección e maltrato.

O Programa de integración familiar permite actuar en tres áreas principais. A primeira delas é a funcionalidade, con accións centradas en que a familia poida romper dinámicas de deterioro que poden supoñer o fin da convivencia. A segunda área de intervención é a preservación, mediante a promoción de recursos que eviten a separación dos menores da súa familia, e o terceiro eixo é a reunificación, coa que se busca facilitar o retorno á casa dos nenos e adolescentes que tiveron que ser separados das súas familias e están a residir en centros de protección.
 
Para conseguir estes obxectivos, os profesionais do programa empregan tres ferramentas fundamentais. Unha delas é a intervención psicosocial, que consiste en transmitir estratexias para mellorar o funcionamento persoal e familiar, xerando cambios nalgúns dos membros ou nas condicións de vida da familia, ademais de favorecer unha axeitada integración da mesma en redes de apoio social que proporcionen un ambiente familiar afectivo e protector para os menores
 

Terapia e educación

A segunda ferramenta baséase na terapia familiar, para resolver problemas psicolóxicos, de relacións ou de conduta das persoas implicadas na protección dos nenos e adolescentes ao seu cargo. E a terceira é a educación familiar, orientada a que as familias adquiran habilidades e hábitos axeitados para atender as necesidades físicas, afectivas, de organización familiar e de axeitada resposta as condutas dos menores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2023