A Xunta constata que o incremento da superficie de monte ordenado en Galicia acada xa preto do medio millón de hectáreas e supera o obxectivo fixado para 2025

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas de 2022 para fomentar a ordenación forestal, que tiveron 248 beneficiarios por un importe de máis de 1,6 millóns de euros e unha superficie ordenada de preto de 57.000 hectáreas

Galicia conta actualmente con 497.532,75 hectáreas de superficie forestal ordenada, máis do dobre da rexistrada en 2018

Deste xeito, supérase amplamente o obxectivo establecido na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” para o final do ano 2025, que se situaba na contorna das 380.000 hectáreas

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2023 Galicia dispón na actualidade de preto de medio millón (497.532,75) de hectáreas de superficie forestal ordenada, é dicir, que conta con instrumentos de ordenación e xestión forestal. Con esta cifra, supérase amplamente o obxectivo marcado na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” para o final do ano 2025, que se situaba na contorna das 380.000 hectáreas. Ademais, é previsible que ao remate da execución da orde de axudas do 2022 se teña acadado o fito previsto no devandito Plan Forestal para o ano 2030, cunha superficie forestal ordenada superior ás 545.000 hectáreas.

Precisamente hoxe publícase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas para fomentar a ordenación forestal correspondentes á convocatoria de 2022, que tiveron 248 beneficiarios por un importe de máis de 1,6 millóns de euros e unha superficie ordenada de preto de 57.000 hectáreas en toda a comunidade autónoma.

Así, a finalidade destas subvencións é facilitarlles aos propietarios que dispoñan dunha ferramenta técnica coa que organizar os seus recursos forestais e que garanta unha xestión sustentable do monte. Nesa liña, estes fondos permiten financiar a redacción dos instrumentos de ordenación tales como proxectos de ordenación, documentos simples de xestión, documentos compartidos de xestión e as comunicacións de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou outros modelos de xestión forestal, como os sistemas silvopastorís.

Incremento da superficie

En relación co incremento da superficie ordenada, cómpre salientar que, segundo o anuario de estatística forestal de Galicia, no ano 2018 era de arredor de 233.000 hectáreas, o que representaba pouco máis do 10 % da superficie forestal galega. Polo tanto, rexistrouse un incremento do 113 % entre os datos de 2018 e de 2022, o que significa que a superficie máis que se duplicou no referido período.

Na consecución deste obxectivo tiveron unha incidencia especial as ordes de axuda convocadas pola Xunta para impulsar a ordenación forestal. En particular, se sumamos as convocatorias de 2018 e 2020, correspondentes ao Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, o total de beneficiarios destas subvencións foi de 834, cunha superficie ordenada que superou as 325.000 hectáreas e cuns importes de máis de seis millóns de euros.

Organización de usos do monte

A Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, fomenta a ordenación dos montes, que ten como finalidade a organización, tecnicamente xustificada, dos seus usos, a través de especificacións necesarias para a súa xestión sustentable no tempo e no espazo. Deste xeito, contribúese a reforzar a función dos terreos forestais como fonte de recursos -os pastos, a madeira, os cogomelos ou a cortiza-, por ser provedores de múltiples servizos recreativos e paisaxísticos, pero tamén en termos de protección do solo e do ciclo hidrolóxico, de fixación do carbono atmosférico ou de diversidade biolóxica.

Os principais beneficiarios das achegas do Goberno galego son as comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, as cooperativas agrarias, os proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas ou Sofor, que tras as modificacións introducidas na Lei de montes de Galicia pola Lei de recuperación da terra agraria, poden solicitar o recoñecemento como agrupacións forestais de xestión conxunta, cos dereitos e vantaxes que implica esta figura. Tamén poden beneficiarse das axudas propietarios particulares de xeito individual.

Data de actualización: 30/01/2023