A Xunta imparte a terceira edición do curso sobre emprego de maquinaria pesada na loita contra os incendios forestais en Galicia

A parte práctica desenvolveuse nos montes de Rois e A Estrada, con dous bulldóceres e unha motobomba

A actividade informativa dirixida a xefes de brigada foi impartida por persoal experto na prevención e extinción de incendios forestais

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2023 A Consellería do Medio Rural, en colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública, vén de organizar a terceira edición do curso de emprego de maquinaria pesada na loita contra os incendios forestais. As prácticas desenvolvéronse nos montes de Rois e A Estrada e contouse coa presenza de dous bulldóceres e unha motobomba.

 

A actividade formativa foi impartida por Juan Bautista García, Xefe de Departamento de Extinción de Incendios Forestais da Junta de Castela-A Mancha e Juan Jesús Sancho, Coordinador Rexional del Plan Infoex da Junta de Estremadura, persoal experto na prevención e extinción de incendios forestais con maquinaria pesada, así como na impartición de cursos en diferentes comunidades autónomas e tamén fóra de España.

 

O curso dirixido a xefes de brigadadurou catro días e constou dunha parte teórica na que se explicaron as técnicas de prevención e extinción de incendios forestais con maquinaria pesada, así como a integración de diferentes recursos e equipos nas operacións de extinción. A parte práctica desenvolveuse en campo, onde se levaron a cabo distintas manobras de extinción e construción de infraestruturas preventivas, así como outras  de autoprotección en caso de quedar atrapados ante un lume.  

 
Ademais, durante a parte práctica traballouse sobre a planificación e toma de decisións no deseño de estratexias tácticas con maquinaria pesada en incendios forestais mediante a resolución de varios supostos prácticos plantexados no banco de area. Cómpre sinalar que nas tres edicións que se levan celebrado do curso adaptáronse os contidos aos roles que desempeñan na prevención e extinción de incendios os técnicos, os axentes ambientais e os xefes de brigada.

Data de actualización: 28/01/2023