As asociacións de entidades da economía social poden solicitar as axudas para o seu funcionamento ata o próximo 23 de febreiro

A Xunta de Galicia destina 330.000 euros este ano para dar cobertura aos gastos das entidades asociativas que representan ás cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a reforzar o seu impulso á economía social cun orzamento que crece este ano o 20,8%, ata os 42 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2023.-

A Xunta segue a impulsar o modelo da economía social en Galicia e destinará este 2023 un total de 330.000 euros a apoiar os gastos de organización interna e funcionamento das entidades asociativas que conforman esta fórmula. O propósito desta iniciativa, publicada no Diario Oficial de Galicia,  é facer efectivo o traballo das organizacións representativas destas entidades e dar continuidade ao seu labor.  

O programa de axudas está estruturado en dúas liñas de financiamento. A primeira, con 230.000 euros de orzamento, vai dirixida ao fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, apoiándose parcialmente (ata o 90%) os seus gastos de funcionamento. A segunda, con 100.00 euros, está destinada ás asociacións de centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral, apoiándose parcialmente (ata o 90%) os custos que teñen que asumir.  

Con estas liñas, a Xunta de Galicia contribúe a consolidar e reforzar o funcionamento das entidades representativas do sector da economía social, coa aposta polo fomento da súa participación aos distintos niveis económicos e sociais e para visibilizar e promover a economía social como motor de crecemento económico sustentable, que crea emprego de calidade, integrador e asentado no territorio.

As solicitudes pódense presentar a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia ata o próximo 23 de febreiro.

Entre outros requisitos, as entidades interesadas deberán estar legalmente constituídas e inscritas nos rexistros correspondentes, estar ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social, e non ter pendentes pagamentos coa Administración autonómica.

 

En 2023, a economía social seguirá a ser un dos principais eixos de acción da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. O orzamento destinado á mesma experimentou un incremento do 20,82% respecto de 2022, e se sitúa por enriba dos 42 millóns de euros.

Entre os diversos programas que se porán en marcha neste exercicio destacan as iniciativas Es-Factory, de aceleradoras de emprendemento; Es-Transforma, para recuperar negocios sen remuda xeracional a través da súa transformación en entidades de economía social; ou Es-Próxima, para profundar no selo de identidade da economía social.

A economía social está integrada por 14.000 persoas que traballan por conta allea en cooperativas, sociedades de inserción, centros especiais de emprego e empresas de inserción na comunidade e que operan nun segmento da economía que aposta pola cooperación, solidariedade, diversidade e igualdade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/01/2023