A recollida de pneumáticos en Galicia rexistra a súa cifra máis alta con 22.367 toneladas retiradas en 2021

O 67,16% foron enviados a reciclaxe e valorización material, co que a Comunidade supera o obxectivo estatal de destinar, como mínimo, o 45% destes residuos á fabricación de produtos para distintos usos

 

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2023.- A recollida de pneumáticos fóra de uso en Galicia rexistra a súa cifra máis alta con 22.367 toneladas retiradas en 2021, 13 puntos máis do previsto no obxectivo establecido pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

 

No que atinxe ao tratamento dos pneumáticos recollidos nos 2.921 puntos de xeración, 15.022 toneladas -o 67,16%- foron enviadas a reciclaxe e valorización material. Con este dato, Galicia supera o obxectivo estatal de destinar como mínimo o 45% destes residuos á fabricación de produtos para distintos usos como pavimentos deportivos, chan de seguridade, recheo de campos de herba artificial, etc.

 

Outras 4.327 toneladas -19,34%- destináronse a valorización enerxética, cumprindo tamén o estándar establecido de non chegar ao 40% de residuos derivados a esta modalidade de tratamento.

 

Finalmente, o 11,5% das toneladas recollidas -2.573- foron enviadas á preparación para a súa reutilización e posterior venda de ocasión como recauchutado.

 

Máis polo miúdo, cómpre salientar que os xestores autorizados SIGNUS e TNU na Comunidade retiraron 8.604 toneladas na Coruña, 3.213 en Lugo, 6.435 en Ourense e 4.115 en Pontevedra.

Data de actualización: 29/01/2023