Lorenzana pide altura de miras e coordinación ao Goberno central para unha resposta integral e eficaz contra a violencia de xénero

A conselleira de Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe nunha xuntanza do Comité de crise convocado polo Ministerio de Igualdade ante o incremento dos asasinatos de mulleres neste inicio de ano

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2023.-

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe por videoconferencia na xuntanza do Comité de crise convocado polo Ministerio de Igualdade coas comunidades autónomas ante o incremento de vítimas mortais da violencia de xénero neste incio de ano. Ao remate, a representante da Xunta reivindicou unidade de acción a todas as administracións implicadas na loita contra esta lacra, comezando polos socios do Goberno do Estado aos que pediu altura de miras e aparcar as ideoloxías para acadar unha resposta unívoca a un problema social de gran magnitude.

Unha vez máis, Lorenzana quixo invocar o espírito do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, un marco fundamental, dixo, nun momento no que a sociedade precisa da implicación de todos os axentes na loita contra a violencia machista. Na mesma liña esixiu “remar xuntas e xuntos” para reforzar a resposta contra este  problema estrutural e avanzar no compromiso social na prevención e atención ás vítimas.

Para a conselleira da Igualdade, os gobernos deben trasladar unha mensaxe de unidade na loita contra a violencia de xénero, que estea alonxada de ideoloxías e que traslade á sociedade que o sistema de  cogobernanza está a funcionar para lograr artellar un apoio interinstitucional integral, eficaz e coordinado.

Galicia seguirá a traballar por unha Galicia libre de violencia, unha ardua labor para a que, segundo a conselleira, non se escatiman recursos nin esforzos. Así, os orzamentos que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a mobilizar neste 2023 para combater a violencia de xénero, ascenden a 20,5 millóns de euros, un 14,7% máis que no ano anterior coa idea de manter, reforzar e ampliar os recursos, servizos e prestacións que xa están ao dispor das vítimas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/01/2023