Lete destaca a “afección, calidade, base e colaboración” como baluartes do Guardés na inauguración do novo pavillón da Sangriña

O convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello da Guarda contou cun orzamento de 1,87 millóns de euros dos que o Goberno galego achegou medio millón
 

En 2023 a Xunta de Galicia contará cun investimento récord de 18 millóns de euros para infraestruturas deportivas
 

A Guarda (Pontevedra), 28 de xaneiro de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe no acto de inauguración do pavillón municipal da Sangriña tras a obra de renovación integral ao abeiro do convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello da Guarda, que contou cun orzamento de 1,87 millóns de euros (1.870.667,53 euros) dos que o Goberno galego achegou medio millón de euros.

O mandatario galego destacou como, a pesar de que os inicios do Guardés datan de 1967 nun campo de terra, hoxe, o modernizado pavillón da Sangriña segue lucindo “a calor da afección, o apoio ao deporte base, a calidade do equipo, o renome das xogadoras e o espírito de colaboración para acadar as maiores cotas de éxito”. Neste sentido, Lete Lasa puxo de manifesto os logros máis importantes do Guardés, como a Liga da máxima categoría nacional feminina de balonmán conquistada en 2017 ou as oito tempadas consecutivas competindo en Europa.
 
O secretario xeral para o Deporte cifrou o apoio da Xunta ao Guardés nos 725.000 euros desde 2009 nas distintas liñas de axuda da Secretaría Xeral para o Deporte, ou os máis de 200.000 euros -entre o departamento deportivo e Administración Local- investidos no pavillón da Sangriña antes desta remodelación integral.
 
Ademais, Lete Lasa destacou o recoñecemento -o Guardés foi distinguido como o mellor equipo feminino de Galicia en 2015, 2017 e 2018- e tamén o acompañamento do Goberno galego, non só en moitos dos partidos que o Guardés xoga na casa, senón tamén no seguimento desta obra na que prestou unha minuciosa atención porque “o Guardés só merece e precisa o mellor”.
 
A renovación do pavillón da Sangriña tivo por obxecto o cambio de fachada e cuberta, creación dunha bancada de fondo e de planta superior; así como a reorganización de espazos (vestiarios, aseos, almacéns), ampliación da zona de pista de xogo e mellora da accesibilidade. En 2023 a Xunta de Galicia contará cun investimento récord de 18 millóns de euros para infraestruturas deportivas.

Data de actualización: 28/01/2023