O arranque de ‘O Gran Camiño’ será no adarve da Muralla coa presentación dos equipos participantes

O delegado territorial, Javier Arias, xunto ao organizador do evento, Ezequiel Mosquera, explicou hoxe que a saída desta nova edición da volta ciclista a Galicia farase neutralizada, por equipos e coas medidas necesarias para a protección do monumento

Lugo, 26 de xaneiro de 2023

A nova edición da proba ciclista por etapas O Gran Camiño partirá este ano de Lugo o 23 de febreiro e comezará cun evento especial na Muralla para presentar aos equipos participantes, coa presencia do actual vencedor do Tour de Francia, Jonas Vingegaard.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e o organizador da proba cicilista, Ezequiel Mosquera, presentaron hoxe a programación desta volta a Galicia e, en concreto, os detalles da primeira xornada, que discorre entre Lugo e Sarria. Fixérono na porta de Santiago, xunto á Catedral, o punto desde o que accederán os ciclistas ao adarve.

Ambos subliñaron que se adoptarán as medidas precisas para a protección da Muralla. Os 17 equipos percorrerán en modo paseo o adarve, con saída neutralizada a intervalos de tempo separados, e darán unha volta completa ao monumento; en ningún caso accederán vehículos a motor.

Javier Arias destacou a oportunidade de promoción que supón para Lugo e para Sarria, punto emblemático do Camiño Francés, a visibilidade dos seus elementos Patrimonio da Humanidade ante unha audiencia internacional. Ao respecto, Mosquera indicou que a proba será retransmitida por Eurosport e a TVG, e na pasada edición foi seguida por máis de 1.400.000 espectadores dunha vintena de países.

O Gran Camiño é unha proba de ámbito internacional -do calendario UCI Europa- e reúne a 119 ciclistas, entre os que figuran algúns dos mellores do mundo. O pelotón inaugurará a volta percorrendo un total de 191 quilómetros ata Sarria, con 3.429 metros de desnivel que inclúen tres altos de terceira categoría: o da Fontenla, A Cruz do Incio e Montán. 

A segunda etapa unirá Tui e A Guarda (miradoiro de Santa Trega) e a terceira Esgos e Rubiá, para rematar o domingo 26 coa contrarreloxo individual dende o Milladoiro á Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2023