A Xunta promove o compromiso social das pemes co programa ‘Responsabilízate’, no que participan oito firmas lucenses

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, e o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacaron a aposta de negocios como Ramil Incubación Avícola por adoptar medidas de sostibilidade ambiental e de mellora da contorna laboral

Este plan inclúe asesoramento gratuíto e acompañamento na aplicación das accións por parte das empresas
 

Lugo, 26 de xaneiro de 2023

A Xunta promove a responsabilidade social das pemes galegas a través do programa Responsabilízate, que fomenta modelos de negocio baseados no compromiso ambiental, social e de bo goberno. Oito empresas da provincia de Lugo participan na actual convocatoria, que está en marcha ata o mes de xullo.

Así o explicaron hoxe a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, e o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, no transcurso da visita a unha das firmas beneficiarias, Ramil Incubación Avícola, situada no municipio de Lugo.

A empresa integrouse neste plan da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para reforzar as súas políticas de responsabilidade social. En concreto, no eido ambiental queren implementar accións encamiñadas a calcular a pegada de carbono e trazar unha estratexia de descarbonización; no ámbito laboral buscan mellorar a comunicación interna cos empregados a través de enquisas de clima e avaliación do desempeño; e como medida de gobernanza queren desenvolver un código de conduta.

Ambos responsables autonómicos destacaron o compromiso social desta empresa con máis de 60 anos de experiencia no sector avícola. Subliñaron que posúe o selo global GAP -unha norma con recoñecemento internacional que garante que os procesos de produción sexan cada vez máis seguros e sostibles -; incorpora un plan de conservación de flora e fauna; segue un protocolo de xestión de residuos adaptado á súa actividade; fomenta a economía circular, con iniciativas como a entrega de silo sobrante a veciños para que o reaproveiten; e implantou fontes de enerxía renovables e de baixo consumo nas súas instalalacións.

O programa Responsabilízate inclúe asesoramento gratuíto ás firmas participantes na incorporación de criterios sostibles á súa xestión a través da aplicación de valores ambientais, sociais e de gobernanza. Tamén o acompañamento na posta en marcha de medidas que fomenten a igualdade de oportunidades; e o intercambio de coñecementos e experiencias entre os participantes durante o tempo de duración das accións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2023