A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda respondeu hoxe unha interpelación sobre o acceso a unha vivenda dos mozos e mozas

A Xunta concede axudas a 4.094 galegos para o pago do seu alugueiro a través do novo Bono mocidade

Ángeles Vázquez avanza que o Instituto Galego da Vivenda e Solo está notificando as concesións aos beneficiarios e as subvencións empezarán a pagarse en febreiro

Cifra en 47 M€ o orzamento destinado polo seu departamento aos diferentes programas e subvencións no eido da vivenda aos que pode acceder este colectivo

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2023 A Xunta concedeu axudas a un total de 4.094 galegos menores de 36 anos grazas ao novo Bono alugueiro mocidade, executando os 22,8 millóns de euros dispoñibles para esta primeira convocatoria e facilitando así o acceso á súa vivenda habitual a un dos colectivos que máis dificultades teñen á hora de emanciparse.

Así o anunciou esta mañá no Parlamento a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, en resposta a unha interpelación sobre as axudas que ofrece o Goberno galego á mocidade en materia de vivenda.

Tras lembrar que este colectivo ten acceso a todas as subvencións que convoca cada ano o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Vázquez Mejuto subliñou que tamén existen programas especificamente deseñados para garantir que os mozos galegos poidan formar un fogar, tanto en réxime de alugueiro como de compra.

En concreto, referiuse ás axudas do Bono alugueiro mocidade, convocadas o ano pasado por primeira vez e das que avanzou que, tan só dous meses e medio despois de pecharse o prazo de solicitude, a Xunta xa concedeu todas as subvencións que permitían os fondos dispoñibles, é dicir, un total de 4.094 bonos.

Nestes momentos, o IGVS está notificando aos beneficiarios as concesións polo que, tal e como explicou Ángeles Vázquez, a partir do mes de febreiro empezarán a cobrar as axudas, cunha contía máxima de 250 euros ao mes durante 2 anos e que, lembrou, se abonarán con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2022 ou desde a data de sinatura do contrato de arrendamento.

Por iso, destacou tamén a axilidade demostrada polo Goberno galego na xestión deste programa, lembrando que Galicia foi a terceira Comunidade española en convocalas e unhas das máis rápidas en resolver as solicitudes.

En todo caso, a conselleira explicou que o IGVS conta tamén con outras subvencións dirixidas exclusivamente a este colectivo ou nas que contan con acceso preferente ou incentivos adicionais. Neste sentido, cifrou en 47 millóns de euros o orzamento mobilizado pola Consellería a través dos diferentes programas de vivenda convocados desde o ano pasado e aos que pode acceder a mocidade galega.

En concreto e ademais do Bono, referiuse ás axudas ao alugueiro enmarcadas no Plan para o acceso á vivenda 2022-2025, convocadas por 13,7 millóns de euros; á liña de incentivos para compra de vivenda protexida, cun orzamento de 2 millóns de euros; ou aos programas de subvencións para a adquisición de inmobles en centros históricos ou en municipios de menos de 10.000 habitantes, cunha dotación de 3,5 millóns de euros.

En relación a esta última liña de axudas, reservada exclusivamente para a mocidade, a responsable autonómica salientou o éxito da convocatoria realizada en 2022, que se saldou cun balance de 366 galegos menores de 35 anos beneficiarios e que se suman aos 300 mozos que xa recibiran estes incentivos no marco das ordes dos anos 2020 e 2021.

Por último, Ángeles Vázquez puxo en valor o esforzo realizado polo seu departamento nos últimos anos co fin de apoiar e axudar á xuventude á hora de constituír un fogar propio e neste sentido salientou que as enquisas oficiais apuntan a que no tramo de idade dos 25 aos 34 anos de idade as taxas de emancipación en Galicia son hoxe mellores que as de hai 15 anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/01/2023