O II Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade ábrese ás achegas dos axentes sociais e promoverá máis e mellores medidas de benestar laboral ata 2025

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou no Consello Galego das Mulleres as liñas mestras do novo plan que quere amortecer o reparto desigual dos coidados, fomentar novas formas de traballo e das carreiras das mulleres
 

A Xunta insta a que sindicatos, empresas, tecido asociativo ou entidades de mulleres se impliquen no fomento de novas organizacións do traballo
 

No pleno de hoxe fíxose balance do I Plan que priorizou nos seus investimentos de 2018 a 2021 as axudas para que os concellos ofertasen medidas de conciliación (4,1M€)
 

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, tomou parte hoxe nunha nova sesión plenaria do Consello Galego das Mulleres, no que se deu conta dos avances do II Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade 2022-2025, que estará aberto ás achegas por parte das entidades que integran o órgano xa que, tal e como destacou a representante da Xunta de Galicia, será un documento moi colaborativo co que se pretende avanzar no reparto das tarefas familiares de coidados entre mulleres e homes e reforzar o benestar laboral nas empresas.

O deseño do documento -que abre agora a súa consulta ao Consello Galego das Mulleres e todos os departamentos da Xunta de Galicia para que acheguen as súas propostas e orzamentos- parte das conclusións do seu predecesor, o I Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade, que estivo vixente entre 2018 e 2021 e supuxo a activación dun cento de medidas transversais por valor de case 850 millóns de euros.  

Neste senso, López Abella destacou que o novo marco tratará de “dignificar o ámbito dos coidados, que normalmente recaen nas mulleres, reforzar o benestar laboral e os recursos de apoio para atender menores, maiores e persoas dependentes”.

A necesidade de intensificar e consolidar as políticas públicas e as medidas para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como a adaptación aos novos modelos de traballo emanados da pandemia, xustifican, a xuízo da secretaria xeral, a necesidade de avanzar cun novo plan que teña en conta conceptos como o benestar laboral e promova, entre outras medidas, o progreso das mulleres nas súas carreiras profesionais e en esferas de decisión. “Estamos a falar de impulsar un auténtico cambio no modelo que asuma a modernización dos servizos sociais, o recoñecemento e apoio á diversidade das familias e a implicación das administracións públicas”, matizou López Abella.

Para a secretaria xeral resulta fundamental que desde a Xunta “se impulse a implicación de todos os axentes sociais para o fomento de novas formas de organización do traballo, novas modalidades de xestión dos recursos humanos e das condicións das persoas traballadoras en prol do benestar laboral”.

O Consello Galego das Mulleres constituiuse no ano 2014 como órgano consultivo para o asesoramento en materia de políticas de igualdade e para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. A través das asociacións e entidades representativas dos seus intereses poden tomar parte no deseño de políticas de igualdade e manter unha interlocución efectiva coa Administración autonómica. Neste órgano séntanse, así, representantes de todas as consellerías da Xunta de Galicia, asociacións e federacións de mulleres, organizacións empresariais e sindicais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Entre as funcións do Consello está a de elevar propostas e iniciativas aos poderes públicos, elaborar informes sobre a situación e perspectivas da igualdade e investigar a realidade das mulleres galegas, nomeadamente no ámbito da violencia de xénero.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/01/2023