O presidente do Goberno galego fixo estes anuncios nas resposta ás preguntas do pleno do Parlamento de Galicia

Galicia ampliará un 50% o número de cribados de cancro de mama, que suporá estender a súa cobertura a 200.000 mulleres máis

Rueda adianta que a nosa comunidade recuperará este mesmo mes de xaneiro o Produto Interior Bruto (PIB) que rexistraba antes da pandemia, “moito antes do que o vai facer a media nacional”

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia ampliará un 50% o número de cribados de cancro de mama, o que suporá que se beneficien deste programa 200.000 mulleres máis das que o estaban a facer na actualidade. Para iso, vaise rebaixar a idade mínima destas probas diagnósticas, que pasará dos 50 aos 45 e ampliarase na idade máxima, que subirá dos 69 aos 74.

“É unha necesidade para moitas mulleres”, argumentou o mandatario galego con respecto a esta medida, da que deu conta nas respostas do pleno do Parlamento galego, onde lembrou que o programa de prevención do cancro de mama foi pioneiro en Galicia e, posteriormente, estendeuse a outras comunidades.
 
“Se Galicia se caracteriza por algo é pola súa saúde preventiva que evita moitos males maiores”, enxalzou Rueda con respecto ás medidas nesta liña en materia sanitaria por parte do Goberno galego. Por estes motivos, situou a saúde como unha “necesidade fundamental e primordial” por parte do Executivo autonómico, “e a que máis hai que coidar”, engadiu.
 
Para avalar esta política sanitaria da Xunta, puxo en valor o feito de que en materia de vacinación “Galicia estea á cabeza do Estado” e salientou o calendario de vacinas administradas polo Servizo Galego de Saúde, “que noutras comunidades nin se plantexan e teñen que seguir pagándoas as familias”, comparou. Na mesma liña, resaltou que este mesmo ano todas as áreas sanitarias galegas van contar co programa de detección do cancro de cérvix.
 

PIB como antes da pandemia

O presidente galego centrou as súas respostas no pleno do Parlamento nas medidas que está a tomar a Xunta para dar resposta “as necesidades reais” dos galegos, entre as que citou “apoiar as persoas e familias; coidar que teñan un presente e futuro laboral; e ofrecerlles servizos públicos de calidade”. Rueda asegurou que a Xunta está a “arroupar” a xente, porque a economía está crecendo. “Se medra economía, medra o país”, aseverou.

Neste senso, considerou que así o avala o comportamento do Produto Interior Bruto e anunciou que, como resultado das políticas do Goberno autonómico, este mesmo mes de xaneiro, “Galicia recuperará o PIB que rexistraba antes da pandemia, moito antes do que vai facer a media nacional”, remarcou o mandatario galego.
 

Medidas útiles do Goberno galego

Na súa intervención, Rueda tamén debullou as actuacións do Executivo galego para mellorar as condicións de vida dos galegos ante o “problema grave” da suba da inflación, ante a que admitiu que a Xunta está “moi preocupada”. Entre as medidas para facerlle fronte, apuntou ás reducións do IRPF que van supor que os galegos paguen 450 euros menos de media na súa declaración da renda; a construción de novos centros para maiores e residencias; o incremento dos avais para que a xente máis nova acceda á vivenda; o maior investimento público en materia de axudas enerxéticas para máis 75.000 fogares; ou aumento dos Bonos alugueiros.

Ademais, tamén destacou outras actuacións, como a conxelación do prezo das autoestradas autonómicas e das taxas universitarias desde hai 14 anos; a gratuidade das escolas infantís: os 25 millóns de euros que a Xunta destina para libros escolares: os 50 millóns para comedores: e os máis de 60 millóns de euros en axudas directas para autónomos. “Aplicamos para tempos difíciles receitas para intentar cubrir as necesidades dos galegos. Son medidas concretas e útiles”, defendeu para concluír.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/01/2023