O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para o presente ano 2023

A Xunta lanza unha nova convocatoria de axudas para a mellora do servizo e da calidade da auga das traídas veciñais cun investimento de 500.000 euros

Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro destinados á mellora do estado das instalacións de captación, potabilización e almacenamento nas traídas xestionadas polas comunidades de usuarios
 

Os incentivos cubrirán o 80% do financiamento das actuacións que resulten elixidas, ata un máximo de 15.000 euros por proxecto


O 40% do importe da convocatoria, 200.000 euros, destinaranse ao financiamento de actuacións que presenten comunidades de usuarios de ata 50 membros e os 300.000 euros restantes, o 60%, ás comunidades de usuarios con máis membros
 

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria de axudas para a mellora da calidade da auga das traídas veciñais, por importe de 500.000 euros.

Esta liña de axudas para o presente exercicio 2023 vai destinada a impulsar actuacións que melloren a prestación do servizo de abastecemento de auga para consumo humano e a calidade de auga xestionadas por comunidades de usuarios, fomentando o emprego eficiente dos recursos hídricos. Nos seguintes enlaces ao DOG pode consultarse toda a información: https://acortar.link/cqbF1i e https://acortar.link/RwKGiB

 

A través destes incentivos subvencionaranse os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2023 destinados á mellora das instalacións de tratamento e almacenamento da auga nas traídas xestionadas polas comunidades de usuarios.

 

As axudas cubrirán o 80% do financiamento das actuacións que resulten elixidas, segundo a criterios obxectivos, ata un máximo de 15.000 euros por proxecto. O 20% do financiamento restante deberá ser achegado pola propia comunidade de usuarios que resulte beneficiaria da subvención, sendo compatible con outras subvencións ou axudas.

 

O 40% do importe da convocatoria, é dicir, 200.000 euros, destinarase ao financiamento de proxectos de comunidades de usuarios de ata 50 membros. Os outros 300.000 euros, o 60% restante, estará dirixido ás actuacións de comunidades de usuarios con máis membros.

 

Para poder optar a estes incentivos, as comunidades de usuarios deberán estar constituídas legalmente, sendo compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.

 

As comunidades de usuarios poden solicitar as axudas desde mañá e contan cun prazo dun mes para presentar as súas peticións.

Cómpre lembrar que o departamento que a Xunta lanzou no ano 2020 a primeira convocatoria destas axudas, en apoio ao importante papel das traídas veciñais no ámbito rural ao ser, en moitas ocasións, a solución máis eficiente para abastecer a poboacións que se atopan máis afastadas. 

 

Deste xeito, no marco das tres últimas convocatorias, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade leva concedidas 136 axudas para a implantación e o desenvolvemento de proxectos de mellora da calidade de auga das traídas veciñais, cun investimento de máis de 1,36 M€.

 

No caso de Galicia, as especiais características poboacionais, cunha forte dispersión, fai que se teña recorrido de xeito habitual a solucións autónomas para abastecerse de auga potable. De feito, estímase que unhas 600.000 persoas en Galicia utilizan pequenos sistemas de abastecemento propios, xa sexan veciñais ou individuais.

Data de actualización: 25/01/2023