A Xunta ofrece 1150 novas consultas gratuítas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria en Deza e Tabeirós coa segunda quenda do programa 'Coidados Porta a Porta'

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou da nova ruta itinerante deste servizo sociosanitario de proximidade para os oito concellos das bisbarras na estrea da unidade móbil en Rodeiro, onde permanecerá ata o mércores

Este servizo da Consellería de Política Social e Xuventude despregarase durante tres xornadas diarias nos seis concellos dezaos durante as vindeiras dúas semanas e comezará o seu percorrido por Tabeirós-Montes a comezos de marzo

As consultas están dirixidas a persoas maiores de 55 anos, que deben pedir unha cita previa a través dos números de teléfono 622 748 283 ou 623 546 992 ou do enderezo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal

Rodeiro, 23 de xaneiro de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, ofrece 1150 novas consultas gratuítas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria nos oito concellos das bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes a través do servizo itinerante Coidados Porta a Porta, que achegará a súa unidade móbil a esta zona do interior da provincia de Pontevedra durante as vindeiras dúas semanas e, posteriormente, a comezos de marzo.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou esta mañá deste programa sociosanitario de proximidade para estas comarcas na chegada dunha unidade móbil ao Concello de Rodeiro, onde permanecerá ata o mércores, ao carón do centro de saúde, cunha oferta estimada de 48 consultas diarias. Na súa visita estivo acompañado polo responsable deste operativo, Valentín Calvín, o alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, e por outros representantes municipais.

 

Este servizo da Consellería de Política Social e Xuventude estreou hoxe en Rodeiro a súa segunda quenda de atención cidadá polas bisbarras de Deza e Tabeirós logo de realizar unhas 1300 consultas na súa primeira visita entre os pasados meses de agosto e outubro. Desta volta, despregarase ao longo destes días polos municipios de Rodeiro (días 23, 24 e 25), Dozón (24, 25 e 26), Agolada (26, 27 e 30), Lalín (27, 30 e 31), Vila de Cruces (31 e 1 e 2 de febreiro) e Silleda (1, 2 e 3 de febreiro). Máis adiante, a comezos de marzo, regresará á zona para ofertar as correspondentes visitas aos veciños dos concellos da Estrada e Forcarei. Estas datas, 24 para estas dúas bisbarras, correspóndense coa segunda quenda de cada municipio das tres que hai programadas para cada un deles ata finais do vindeiro ano 2023.

 

A unidade móbil de Coidados Porta a Porta estará aberta, nas datas sinaladas, entre as 9.00 e as 20.00 horas ofertando unhas vinte consultas diarias nos servizos de audioloxía e podoloxía, respectivamente, e oito de psicoloxía para cuestións vencelladas á memoria e a saúde mental.

 

Atención de balde

Os servizos, todos eles gratuítos, están orientados a persoas maiores de 55 anos que deben solicitar a súa cita previamente a través dos números de teléfono 622 748 283 e 623 546 992 ou do enderezo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal. Ademais, as persoas interesadas tamén poderán solicitar información a través dos seus concellos no marco da política de colaboración establecida con eles por parte da Xunta para afondar na proximidade desta atención.

“Ata a data, e só no marco da primeira quenda, atendeuse a milleiros de galegos, o que demostra o éxito dunha iniciativa que leva practicamente á porta da casa unha atención de primeiro nivel. Loxicamente, as bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, que son as máis envellecidas da nosa provincia, vanse beneficiar moito dunha iniciativa que xa funcionou durante 27 días na primeira visita e que estará activa durante 24 xornadas ao longo das vindeiras semanas nos oito concellos nesta segunda quenda, polo que quero convidar aos cidadáns a que aproveiten esta oportunidade para mellorar a súa calidade de vida”, manifestou o delegado territorial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/01/2023