O titular do Goberno galego presentou o expresidente do Executivo central, Mariano Rajoy, no acto académico de San Raimundo de Peñafort celebrado na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela

O presidente da Xunta defende que a estabilidade, unidade e rigor de Galicia avalan a súa utilidade para xerar benestar e prosperidade

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu hoxe en Santiago de Compostela que os resultados do modelo de estabilidade, unidade e rigor polo que aposta o Goberno galego acreditan a súa utilidade para xerar benestar e prosperidade. Resaltouno durante a intervención no acto académico de San Raimundo de Peñafort, celebrado na Facultade de Dereito da universidade compostelá, no que presentou ao expresidente do Goberno central, Mariano Rajoy.

Rajoy foi o encargado de impartir este ano a lección maxistral do acto académico baixo o título ‘Os populismos e o futuro de Europa’. Rueda loou a forma de facer política do expresidente do Goberno, sempre apostando pola “moderación, a centralidade, o sentido de Estado e a unidade e sen deixarse levar nin pola frivolidade nin polo populismo”.

O titular da Xunta destacou o importante papel que Rajoy realizou ao fronte do Executivo central, onde “escribiu moitas das grandes páxinas da historia recente de España”. E resaltou que foi quen de facelo nun contexto complexo, marcado polas dificultades económicas, o nacemento de novos partidos ou o conflito de Cataluña. “De Mariano Rajoy temos moito que aprender”, concluíu.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/01/2023