A Xunta concede axudas por 21,57 M€ para mellorar a eficiencia enerxética en máis de 2.500 vivendas galegas
Ángeles Vázquez subliña que a primeira convocatoria do programa de actuacións de rehabilitación a nivel de edificio se saldou con 251 subvencións outorgadas na Comunidade e avanza que este ano se publicará unha nova convocatoria
O importe a percibir por vivenda pode chegar ata os 38.750 € e destinarase a obras de mellora nas envolventes e á substitución de equipos de calefacción e auga quente
A Xunta de Galicia concedeu axudas por un importe global de 21,57 millóns de euros destinadas a financiar actuacións de rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética no eido residencial. En total estímase que grazas a estas subvencións se poderá intervir sobre máis de 2.500 vivendas galegas.
Durante unha visita a un edificio en Ferrol que resultou beneficiario dunha subvención de case 115.000 euros para intervir no revestimento, impermeabilización e illamento da fachada, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou que a primeira convocatoria do programa de actuacións de rehabilitación a nivel de edificio se saldou con 251 subvencións outorgadas e avanzou que este ano se publicará unha nova convocatoria, previsiblemente no mes de febreiro.
Acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, a conselleira lembrou que estas subvencións, financiadas con fondos europeos, se convocaron o pasado mes de maio e teñen como fin axudar a comunidades de veciños e propietarios particulares a financiar diferentes actuacións de rehabilitación que reduzan os consumos dos seus inmobles a través dun aforro enerxético de, como mínimo, o 30%.
O importe máximo das axudas pode chegar ata os 38.750 euros por cada vivenda e entre as principais obras subvencionables cómpre subliñar as intervencións de mellora nas envolventes —fachadas, cubertas, etc.— e a substitución de equipos de calefacción e auga quente tanto en vivendas unifamiliares como en edificios de uso colectivo.
Axudas concedidas en Ferrol e na provincia
No caso de Ferrol, concedéronse 5 axudas por un importe global de 276.839 euros que permitirán intervir sobre 38 vivendas da cidade. Ademais, no conxunto da provincia da Coruña o número de beneficiarios do programa a nivel de edificio ascendeu a 119 e estímase que grazas aos 8,75 millóns de euros concedidos poderase actuar nos vindeiros anos sobre un total de 1.000 vivendas coruñesas.
Neste sentido, Ángeles Vázquez incidiu na grande oportunidade que supoñen os diferentes programas de axudas que xestiona o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para impulsar a rehabilitación enerxética de edificios e vivendas xa que, por unha banda, contribúen a mellorar o confort e a calidade de vida dos veciños e por outra, inciden directamente na redución das emisións de CO2 procedentes do eido residencial.