A Xunta recibe 4 ofertas para minimizar o risco de inundación na marxe dereita do río Valga cun investimento de preto de 220.000 €

Esta intervención no concello de Valga, cun prazo de execución de 3 meses, céntranse na zona urbana na que conflúen o río e un rego innominado, nunha área recreativa xunto coa estrada N-550

A actuación súmase á prevista de mellora do espazo fluvial do río Louro, entre a estrada PO-548 e a liña de ferrocarril; e no espazo fluvial do río Valga entre a liña do ferrocarril e a rúa Devesa

O conxunto das obras están incluídas no convenio asinado entre e o Concello e a Xunta, que financia, contrata e executa os traballos, cun investimento de 1,25 M€

O Goberno galego segue apostando pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida recuperación fronte ás súas consecuencias

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu 4 ofertas de empresas para executar as obras necesarias para minimizar o risco de inundación na marxe dereita do río Valga, ao seu paso polo municipio pontevedrés de Valga.

 

Esta actuación, que suporá un investimento de preto de 220.000 euros, buscan minimizar os asolagamentos nesta contorna e están recollidas no Plan de xestión específico na área de risco potencial significativo de inundacións dos ríos Ulla e Sar.

 

No caso concreto desta obra, trátase dunha zona na que conflúen o río Valga e un rego innominado que concorren nunha área recreativa xunto coa estrada N-550 e que conta con praia fluvial, zona de merendeiros e instalacións de ocio.

 

As vivendas situadas próximas ao parque pola marxe dereita da confluencia está a igual ou menor cota que as propias cotas das marxes do leito. Por este motivo, e dado que a estrada N-550 actúa como muro de contención ao estar elevada, no caso de desbordamento, estas vivendas resultan inundadas.

 

Na actualidade o río Valga está canalizado neste treito e presenta unha obra de drenaxe transversal que non é abonda para evacuar o caudal para o período de retorno dos 100 anos.

 

Aos traballos que se desenvolverán baixo este contrato responderá o proxecto redactado pola entidade hidráulica da Xunta co obxectivo de evitar a inundación da zona urbana, que recolle un prazo de execución de 3 meses.

 

As actuacións proxectadas suporán a demolición do muro, entre a estrutura da N-550 e a pasarela existente sobre o rego innominado e da canle de acceso ao lavadoiro existente na marxe dereita do río Valga.

 

Na intervención inclúese, ademais, a construción dun muro de perpiaño de granito con lonxitude aproximada de 56 metros e a cota 29,95 metros, con núcleo de formigón en masa; e a construción, adosada ao muro, dunha nova canle de acceso ao lavadoiro.

 

Executarase unha pasarela de madeira de 3 metros de largo para o acceso á praia fluvial sobra a canle da marxe esquerda e escaleira de acceso á pasarela, instalándose unha varanda de madeira no borde da canle da marxe esquerda.

 

Tamén se acondicionará o leito da marxe esquerda mediante a limpeza, reperfilado e recubrimento de escollera de 50 centímetros, e procederase á retirada e substitución da pasarela de madeira existente por outra de características similares. Nesta intervención adaptarase a comporta da canle da marxe dereita mediante o recrecido da mesma, incluíndo a substitución das guías e acoplamento de motor para conversión a eléctrica.

 

Finalmente, prevese a substitución de escaleiras metálicas por outras de aceiro inoxidable de maior lonxitude no muro da marxe dereita.

 

Colaboración co Concello de Caldas

Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Valga, no que se recolleron distintas actuacións necesarias para evitar as inundacións na zona urbana e que suporá un investimento autonómico global de 1,25 M€.

 

Trátase de intervencións estruturais para a mellora do espazo fluvial do río Louro entre a estrada autonómica PO-548 e a liña de ferrocarril; a mellora do espazo fluvial do río Valga entre a liña do ferrocarril e a rúa Devesa; e da protección da marxe dereita do río Valga ao seu paso polo municipio, obxecto das actuación que se licitan hoxe.

Segundo o citado convenio, a Xunta, a través de Augas de Galicia, asume a financiación do conxunto das actuacións e levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras.

 

Pola súa banda, o Concello de Valga comprométese á posta a disposición dos terreos para o inicio dos traballos e á realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución. Tamén asume a obriga de recibir as obras que pola súa natureza sexan susceptibles de tal recepción e a asumir o seu mantemento e conservación, coa utilización das instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista.

As actuacións están cofinanciadas con fondos Feder, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020.

 

O Goberno galego segue apostando pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.

Data de actualización: 23/01/2023