O presidente da Xunta asiste ao almorzo ‘Retos e oportunidades en Iberoamérica’, organizado polo Consello Empresarial Alianza por Iberoamérica e o Círculo de Empresarios de Galicia

Rueda resalta o potencial da Galicia que bate récords históricos en exportacións para reforzar os lazos comerciais con América Latina

Salienta que as políticas da Xunta ofrecen “estabilidade e seguridade” ao sector, o que permiten impulsar a internacionalización do tecido empresarial galego

Destaca que máis de 2.000 firmas galegas xa exportan os seus produtos a América Latina e anima a seguir este camiño de colaboración: “Isto sen dúbida, débese ao bo traballo dos empresarios”, salientou

A Xunta conta con diferentes iniciativas para impulsar a presenza das empresas no exterior como a Estratexia de Internacionalización 2021-2025 que contempla diferentes liñas de axudas
 

Vigo, 23 de xaneiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou esta mañá que os bos indicadores económicos de Galicia, como o novo récord histórico de exportacións en 2022 ou a previsión de crecemento dun 3,6 %, acreditan o potencial da Comunidade para reforzar os lazos comerciais con Iberoamérica. Ademais, destacou que o Goberno galego aposta por políticas que dean “estabilidade e seguridade” ao tecido empresarial, o que redunda nunha maior internacionalización do sector.

Durante un almorzo organizado polo Consello Empresarial Alianza por Iberoamérica (CEAPI) e o Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo, Rueda subliñou que, desde a pandemia, a economía galega está a presentar un mellor comportamento que a española no seu conxunto. Nesta liña, destacou a suba dun 2,5 % do PIB durante o último trimestre do 2022; os máis de 27.400 millóns de euros acadados en exportacións ata novembro -e que xa superan o total de 2021-; ou que Galicia sexa a terceira Comunidade con menor ratio de débeda por habitante e a segunda que paga con máis axilidade as súas facturas.

Rueda subliñou que xa hai máis de 2.000 empresas galegas que exportan os seus produtos a Iberoamérica e agradeceu o papel crucial que as asociacións de empresarios de orixe galega ou o propio CEAPI desempeñan no impulso e mellora das relacións comerciais coa Comunidade. “Isto, sen dúbida, débese ao bo traballo dos empresarios”, asegurou.

Neste senso, animou a seguir polo camiño da colaboración, que facilitou que América Latina destaque como un mercado fundamental para Galicia, sobre todo en sectores estratéxicos como o da automoción, o téxtil, ou o da maquinaria e aparatos mecánicos, sen esquecer outros nos que Galicia é líder e nos que as relacións comerciais cos países iberoamericanos son estreitas e estables no tempo, como son os combustibles, a pesca e a conserva.

De feito, as relacións con América Latina son claves para a reactivación da economía galega. Tal e como recolle o Instituto Galego de Estatística, as exportacións aos países iberoamericanos suman nos primeiros once meses do 2022 un total de 1.011 millóns de euros, un 17,8% máis que no mesmo período do 2021.

A Xunta puxo en marcha hai dous anos a Estratexia de Internacionalización 2021-2025 para impulsar a presenza das empresas galegas no exterior, con especial atención a América Latina. Neste contexto, a Administración autonómica conta coas oficinas do Igape no exterior para facilitar consultas ou organizar feiras e misións comerciais e diferentes liñas de axudas á exportación mediante Galicia Exporta e Galicia Exporta Organismos Intermedios.

Cumio polas infraestruturas

O presidente aproveitou este encontro con empresarios para recordar o cumio que se vai celebrar este venres en Santiago de Compostela para reivindicar as infraestruturas que o noroeste peninsular precisa para ser competitivo, e no que Alfonso Rueda recibirá o presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, e o de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco. O mandatario galego agradeceulles aos seus homólogos o seu talante negociador á marxe de cores políticas e remarcou a mensaxe que se quere transmitir desde a Xunta: “Que poñemos os intereses de Galicia por riba de calquera interese político”, subliñou. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/01/2023