A 3ª Liga Territorial de Saltos Xogade 2023 amosa o crecemento da hípica galega que duplica as súas licencias dende 2009 e conta cun 73% de mulleres

O club hípico Cemar de Mondariz Balneario, a Escola de Equitación La Muralla en Redondela, o C.H. Equigalia en Tui, o Club Hípico JC de Mos, o Club Centro Ecuestre Atlántico en Santana (Pontecaldelas) e o C.H. Alazán en San Cosme (Vigo) serán os escenarios da Liga

O programa Xogade está a piques de recuperar as cifras prepandemia tras pechar a última tempada con máis de 120.000 mutualizados

Vigo, 20 de xaneiro de 2023 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou da man da Federación Galega de Hípica a terceira edición da Liga Territorial de Saltos Xogade 2023 que transitará polos principais clubs de hípica das Rías Baixas e na que competirán dous centenares de nenos e nenas de todas as idades. Lete Lasa destacou o crecemento da hípica galega que, dende 2009, case duplica as licencias federativas -contando hoxe con preto de 6.000- das que o 73% son femininas.

 

O mandatario galego destacou a importancia dun deporte como a hípica para os máis pequenos, “non só pola educación recibida no coidado dos animais, senón tamén noutros moitos valores como a igualdade xa que a hípica é a única disciplina olímpica na que mulleres e homes compiten entre si sen distinción dos participantes polo seu sexo”.

 

Lete Lasa lembrou que a igualdade é, precisamente, un dos obxectivos primordiais do programa Xogade que leva a actividade a todos os concellos e brinda aos escolares a posibilidade de practicar e competir cos clubs e colexios de toda a comunidade. Neste sentido destacou as súas categorías benxamín e alevín, nas que a maioría de equipos son mixtos, ou os Campionatos de España en Idade Escolar inclusivos. Un programa, dixo, que está a piques de recuperar as cifras prepandemia con máis de 120.000 mutualizados na última tempada.

 

Liga de Saltos

Tras o éxito da Liga Territorial de Saltos 2021 e 2022, a segunda edición constará de seis sedes. A primeira cita será o 29 de xaneiro nas instalacións do club hípico Cemar de Mondariz Balneario; o 12 de febreiro na Escola de Equitación La Muralla en Redondela; o 5 de marzo en C.H. Equigalia en Tui; o 30 de abril no Concello de Mos no Club Hípico JC; o 21 de maio no Club Centro Ecuestre Atlántico en Santana (Pontecaldelas) e a gran final será o domingo 8 de outubro no C.H. Alazán en San Cosme (Vigo).

 
As competicións van dende unha xincana con ponis para os máis pequenos, acompañados en todo momento dos seus profesores, ata probas nacionais con obstáculos de ata 120 e 130 centímetros para os máis maiores e experimentados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/01/2023