Lorenzana reclama unidade de acción de todos os gobernos e poderes públicos na resposta institucional contra a violencia de xénero

Ante o Pleno do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero celebrado hoxe, a conselleira da Igualdade, María Jesús Lorenzana, instou a seguir a traballar na prevención desde todos os eidos e da man de todas as administracións

Na xuntanza de hoxe abordouse a actualización do ‘Protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte a violencia de xénero’ para adaptalo ao novo marco normativo así como a creación dun grupo de traballo para o estudo da violencia sexual

Lorenzana reclamou que no reparto de fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, renovado a petición de Galicia, se teña en conta a distribución de poboación e estructura territorial da comunidade
 

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reivindicou hoxe ante o Pleno do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, unidade de acción e máis coordinación entre todos os gobernos e poderes públicos implicados na loita contra este problema estrutural, así como o reforzo do compromiso social na prevención e atención ás vítimas.

Nunha nova xuntanza ordinaria deste órgano -no que están representadas todas as institucións administrativas e xudiciais, corpos e forzas de seguridade e organizacións empresariais e sindicais implicadas en Galicia na loita contra a violencia machista- Lorenzana avogou por seguir a mellorar a resposta contra esta lacra.

“Quero trasladar con rotundidade a mensaxe da necesidade de unidade de todos os gobernos, de todos os poderes públicos, dos axentes sociais e de toda a sociedade na loita contra a violencia de xénero, con independencia de ideoloxías”, indicou a conselleira.

Lorenzana reivindicou, na mesma liña, a mellora do sistema de cogobernanza para lograr artellar unha resposta interinstitucional integral, eficaz e coordinada de todas as institucións con competencias na materia, principalmente no eido educativo, sanitario, social, policial, xudicial, e de atención integral especializada.

Desde Galicia, a titular de Igualdade invocou o espírito do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, un marco fundamental, dixo, nun momento no que a sociedade precisa da implicación de todos os axentes na loita contra esta lacra.

Tal e como lembrou, o Pacto estase a renovar a petición de Galicia, que tamén votou a favor dun catálogo de servizos mínimos. Queda pendente, indicou, a distribución de fondos para as comunidades autónomas para poder executalo.  “O que imos reclamar que se teña en conta para Galicia a dispersión territorial e o número tan elevado de municipios con poboación inferior a 5.000 habitantes que ten a comunidade autónoma”. “Igual que estamos a apoiar o Pacto, non imos apoiar un reparto de fondos no que Galicia saia discriminada por razón desa distribución e desa estructura territorial”, engadiu.

“Galicia, a día de hoxe, e grazas aos fondos do Pacto de Estado puxo en marcha moitísimos servizos nos que somos pioneiros”, indicou a conselleira, quen puxo por exemplo o centro para mulleres vítimas da violencia de xénero posto en marcha na Mariña de Lugo e os programas con menores agresores.

Seis anos despois da aprobación en 2017 do Protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte a violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, que naceu en resposta á demanda de colaboración entre distintas áreas profesionais (xurídica, sanitaria, social, educativa e seguridade), a titular de Igualdade apostou na xuntanza de hoxe, pola súa actualización, para incorporar o novo marco lexislativo e outros documentos de traballo institucional.

No Pleno informouse, por outra banda, da creación dun subgrupo de traballo dedicado ao estudo da violencia sexual. Iniciouse xa o procedemento para nomear ás persoas integrantes, que levarán a cabo a análise desta problemática para intentar configurar unha resposta axeitada ante o preocupante incremento dos casos.

Galicia creará outro grupo de traballo que enfrontará a trata e outras formas de explotación sexual en contextos de prostitución, dando cumprimento as previsións do I Plan contra a trata con fins de explotación sexual, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o pasado agosto. Están convocados a participar no mesmo,  ademais das entidades do Observatorio, representantes de diferentes departamentos do Goberno galego, persoas asesoras expertas e entidades da Rede Galega contra a Trata.

O Observatorio, creado no ano 2012, avalía as políticas de prevención e protección das vítimas e constitúese como un instrumento eficaz para coordinar as diferentes actuacións que se desenvolven nesta materia.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/01/2023