O DOG publica as normas para a renovación dos concertos educativos dos próximos cursos

A Consellería de Educación inicia o proceso segundo os prazos previstos logo de que actuais concertos, en vigor desde 2017, rematen este ano

Os centros interesados, que deberán axustarse ao establecido na nova lei educativa Lomloe, dispoñen do prazo dun mes para presentar as súas solicitudes

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades pola que se ditan as normas para a aplicación do réxime de concertos educativos cos centros docentes privados para o curso académico 2023/2024 e seguintes.

Deste xeito, segundo os prazos previstos, a Xunta de Galicia inicia o proceso para a subscrición dos concertos dos próximos seis anos académicos, os comprendidos entre o curso 2023/2024 e o 2028/2029, ambos inclusive. A renovación lévase a cabo logo de que os actuais concertos, en vigor desde o ano 2017, rematen ao final deste curso.

Como é habitual, os concertos abranguen as etapas de Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Educación Especial e FP.

A partir da publicación desta orde, iníciase o prazo da convocatoria dun mes no que os centros de ensino deberán solicitar os concertos para o vindeiro curso e os seguintes; prazo que rematará o día 20 de febreiro. Os centros interesados na subscrición deberán axustarse ao establecido a este respecto na Lei Orgánica 3/2020 de Educación, a coñecida como Lomloe, así como no resto de normativas de aplicación.

Nos cursos posteriores, a solicitudes poderán presentarse no mes de xaneiro anterior ao curso académico para o cal se solicita. Como é xa habitual, os concertos aprobados revisaranse cada ano para axustalos á realidade dos centros e das necesidades educativas da súa zona de influencia.

A orde que publica hoxe o DOG modifica e mellora a súa estrutura respecto á anterior, de 2017. Así mesmo, adáptase aos modelos e textos normalizados e ao funcionamento e evolución da administración electrónica para facilitar a tramitación dos expedientes.

Data de actualización: 20/01/2023