O presidente da Xunta interveu ante o Consello Asesor da Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP)

Rueda apela á implicación conxunta do tecido produtivo e da sociedade para reclamar ao Goberno central un impulso real ao Corredor Atlántico

Salienta o cumio no que Galicia, Asturias e Castela e León reivindicarán infraestruturas esenciais para o desenvolvemento do noroeste peninsular

Aplaude o anuncio da reformulación do Perte da automoción por parte do Goberno central, porque permitirá melloralo e porque “será unha nova oportunidade para Stellantis”

Subliña que o Goberno galego vai destinar case 60 millóns de euros este ano para apoiar os autónomos

Garante que o Goberno galego seguirá aplicando as receitas da estabilidade, rigor e responsabilidade para xestionar os problemas reais dos cidadáns e das empresas que crean riqueza en Galicia
 

Vigo, 19 de xaneiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apela á implicación conxunta de todo o tecido produtivo e da sociedade civil para reclamar ao Goberno central un impulso real ao Corredor Atlántico. Nunha intervención ante o Consello Asesor da Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP), o mandatario galego salientou o cumio que se vai celebrar o día 27 en Santiago de Compostela e no que Galicia, Asturias e Castela e León reivindicarán infraestruturas esenciais para o desenvolvemento do norte peninsular.

Galicia, malia as dificultades do contexto social e económico, foi quen de comezar o ano cun novo orzamento, coa cifra de paro máis baixa para un mes de decembro desde 1996, cun PIB que se recupera do impacto da pandemia, cun novo récord de exportacións e cuns resultados turísticos excepcionais, como se está a demostrar en Fitur. Segundo o presidente, ten que ver coa estabilidade, o rigor e a responsabilidade coa que tanto a sociedade galega como os sectores produtivos e a Xunta asumiron as circunstancias. Por iso, o titular do Goberno galego comprometeuse a seguir aplicando as mesmas receitas para xestionar os problemas reais dos cidadáns e das empresas que crean riqueza.

Con todo, o mandatario galego -que asistiu ao encontro acompañado pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana- non eludiu as dificultades derivadas da crise internacional e a necesidade de que Galicia avance en proxectos punteiros que lle permitan no só recuperarse do impacto da guerra na economía, senón tamén tomar posición de cara aos novos modelos económicos, produtivos e enerxéticos que se están a deseñar.

Nese senso, Alfonso Rueda destacou tamén o apoio do Goberno galego os autónomos, aos que se destinaron este ano case 60 millóns de euros en axudas; inicialmente, para facer fronte aos custes da inflación e agora -tal e como aprobou hoxe o Consello da Xunta- para a consolidación de negocios con tres anos de antigüidade ou para a creación de novas iniciativas empresariais.

Unidade para reclamar proxectos de interese para Galicia

 O presidente da Xunta pediu unha vez máis o compromiso real do Goberno central cos proxectos estratéxicos impulsados desde Galicia e cuxo futuro pende das axudas europeas, como pode ser a automoción, o naval ou as enerxías alternativas. Reclamou, ademais, que se teñan en conta as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento da Comunidade e do norte peninsular, con especial atención ao Corredor Atlántico, para o que a Xunta reclama un Plan Director, un comisionado e fondos europeos.

Por outra banda, o presidente da Xunta aplaudiu a nova que se acaba de coñecer sobre a intención do Goberno central de reformular o Perte da automoción: “Benvido sexa, cando un se equivoca está ben rectificar”, e máis aínda neste caso porque, como recordou, “será unha nova oportunidade para Stellantis”.

O mandatario galego pediu o apoio dos empresarios e de toda a sociedade nunha reivindicación esencial para vertebrar a cornixa noroeste á que se lle dará visibilidade o día 27 deste mes en Santiago de Compostela cando os presidentes da Xunta de Galicia, do Principado de Asturias e de Castela e León celebren un cumio no que esixirán, “desde a unidade e desde o convencemento” o impulso real dunha infraestrutura clave para o desenvolvemento das tres CC. AA.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/01/2023