A Xunta formaliza o convenio co Concello de Foz que amplía por catro anos máis a cesión do edificio da residencia municipal de maiores

O acordo ten vixencia desde que expirou o anterior convenio e garante a continuidade do servizo tal e como viña funcionamento desde a súa posta en marcha por parte do Concello

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2023

A Xunta de Galicia e o Concello de Foz asinaron hoxe o convenio de colaboración para a ampliación durante catro anos da cesión do edificio da residencia de maiores, cuxa xestión continúa sendo municipal. Este acordo ten efectos desde antonte, martes 17, día no que expirou o anterior protocolo, e garante a continuidade do servizo nas mesmas condicións que ata agora. 

Así mesmo, este convenio poderá prorrogarse por outros catro anos por acordo das partes, e tamén prevé estudar a situación patrimonial do inmoble para posibilitar a transmisión da propiedade. 

Xa en xuño do ano 2022, o Goberno galego, a través do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, lle ofertou ao alcalde focense, Francisco Cajoto, a posibilidade de prorrogar o convenio de cesión do inmoble e se lle explicou que non era posible que o ente autonómico asumira a xestión do servizo nas mesmas condicións, tal e como o rexedor propoñía. Posto que de facerse cargo o Consorcio da xestión do centro teríase que aplicar a normativa autonómica tanto de acceso ao mesmo como de prezos. Ese tamén foi o motivo polo que no ano 2017 ambas partes optaron pola xestión municipal do centro, para que os usuarios do antigo asilo puideran trasladarse á nova residencia. 

Sen embargo, non foi ata o pasado mes de decembro cando o rexedor de Foz tomou en consideración a solución proposta pola Xunta, o que motivou que o convenio de renovación da cesión do inmoble non se formalizar ata agora, cando puido terse feito fai varios meses, para que a Administración local tivera tempo suficiente para unha nova licitación, se así o consideraba.

 Esta solución acordada pola Xunta e o Concello de Foz é a única que garante a continuidade do funcionamento da residencia municipal de maiores nas actuais condicións e dando preferencia aos veciños desta localidade lucense.
 

Data de actualización: 19/01/2023