A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático reuniuse hoxe de forma telemática con representantes do Executivo asturiano

A Xunta colabora co Principado no desenvolvemento da Estratexia asturiana de acción polo clima

Sagrario Pérez lembra que o Goberno galego ten o compromiso de remitir o proxecto da futura Lei do clima de Galicia ao Parlamento este mesmo ano

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2023

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, reuniuse hoxe de forma telemática coa viceconselleira de Medio Ambiente de Asturias, Nieves Roqueñí, no marco da colaboración que desde o ano 2021 mantén a Xunta co Principado para contribuír coa súa experiencia na elaboración da futura Estratexia asturiana de acción polo clima. 

Concretamente, cómpre lembrar que desde a Xunta se elaborou o estudo climático da comunidade asturiana, aproveitando para elo as metodoloxías e avances que se aplicaron no seu momento para redactar a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, aprobada a finais do ano 2019. 

Para seguir afondando nesta liña de colaboración institucional, a directora xeral propuxo levar a cabo un convenio entre o Goberno galego e o asturiano co fin de poder ir actualizando ambas estratexias autonómicas de loita contra o cambio climático, co obxectivo de dar cumprimento á normativa europea, estatal e autonómica na materia e ter uns plans estratéxicos pioneiros a nivel nacional. 

Por outra banda, os representantes galegos e asturianos tamén falaron da súa implicación na iniciativa Misión de Adaptación ao Cambio Climático da Comisión Europea, da que ambas comunidades forman parte desde o ano pasado. Neste sentido, acordaron manter un futuro encontro para abordar o establecemento de posibles sinerxías no eido da Misión. 

Así mesmo, a directora xeral e a viceconselleira asturiana analizaron a tramitación que se está levanto a cabo pola Unión Europea da futura directiva de calidade do aire, que vai introducir cambios na forma de contabilizar os datos recollidos polas estacións de control para adecuarse aos estándares internacionais. 

Por último, Sagrario Pérez aproveitou tamén o encontro para trasladarlles aos seus homólogos asturianos que a Xunta ten o compromiso de remitir ao Parlamento o proxecto da futura Lei do clima de Galicia este mesmo ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/01/2023