A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse co presidente da entidade para falar sobre o anteproxecto lexislativo

A Xunta e a Asociación do Patrimonio Cultural galego coinciden na importancia da lei de ordenación do litoral para poñer en valor construcións costeiras

Ángeles Vázquez salienta que a futura norma ten en conta tamén a relevancia das edificacións tradicionais como parte da identidade e da historia da costa galega

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2023 A Xunta e a Asociación para a defensa do patrimonio cultural galego (Apatrigal) coincidiron esta semana na importancia que terá a futura Lei de ordenación do litoral de Galicia para poñer en valor e ofrecer unha segunda vida a certas edificacións tradicionais construídas no seu día en dominio público marítimo-terrestre (DPMT) porque non podían ter outra localización.

Durante unha reunión para falar do anteproxecto lexislativo —que esta semana finaliza a fase de información pública—, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente de Apatrigal, Carlos Fernández, subliñaron o grande valor que teñen as ducias de construcións tradicionais preexistentes á Lei de costas estatal e que a día de hoxe seguen formando parte da paisaxe litoral galega.

Precisamente, a conselleira lembrou que o seu departamento encargou hai uns anos un Catálogo de bens en servidume de protección do DPMT, identificando no conxunto da Comunidade 361 inmobles seleccionados polo seu valor ambiental, patrimonial ou arquitectónico e clasificados en cinco categorías en función da tipoloxía construtiva.

O obxectivo, segundo explicou, pasaba por promover a posta en valor destes inmobles situados no litoral, moitos dos cales quedaron inoperativos e sen actividade no seu momento por unha lexislación estatal que restrinxe os usos que poden albergar máis alá da actividade económica ou social para a que foron concibidos orixinariamente.

Por iso e tendo en conta a “relevancia” deste tipo de construcións tradicionais como parte da historia da costa e sinal de identidade da forma de vida dos galegos, Ángeles Vázquez explicoulle ao presidente de Apatrigal que un dos obxectivos da futura lei tamén é devolverlle o seu valor patrimonial a estes inmobles, en ocasións en desuso ou en mal estado pero que poderían ter unha segunda vida a través da autorización dun cambio de usos dentro das posibilidades que ofrece a normativa urbanística.

Apatrigal naceu en 2016 como un grupo interdisciplinario de profesionais unidos na defensa do patrimonio galego en todos os eidos e para colaborar coas administracións na creación dunha conciencia colectiva sobre a relevancia desa herdanza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/01/2023