A Xunta pon en marcha unha orde de axudas a concellos que apoiaran no 2022 a familias ucraínas

O Diario Oficial de Galicia publica esta liña de subvencións que conta cun orzamento de máis de 780.000 euros

Poderán recibir esta achega as Administracións locais que xustifiquen gastos en vivenda, en contratación ou adquisición de material por axudar a refuxiados ucraínos entre o 24 de febreiro e o 31 de decembro do pasado ano

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2023

A Xunta de Galicia pon en marcha unha orde de axudas dirixida a aqueles Concellos que entre o 24 de febreiro e o 31 de decembro do 2022 realizaron actuacións para apoiar e achegar protección ás persoas ucraínas que chegaron a Galicia fuxindo da guerra.

 

O Goberno galego destina máis de 780.000 euros nesta liña de subvencións que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (DOG). Por iso, a partir de mañá, todas as administracións locais interesadas teñen un mes para solicitar esta achega que subvenciona gastos xustificados de cobertura de necesidades básicas, alugueres de inmobles ou custos de persoas contratadas, entre outras cuestións.

 

Esta nova orde posta en marcha pola Administración autonómica ten por obxectivo apoiar aos Concellos galegos que mostraron a súa solidariedade cos refuxiados ucraínos que chegaron a Galicia o ano pasado.

 

Axuda directa a ucraínos

Cómpre recordar que esta liña de subvencións, que financia o Ministerio de Inclusión, Servicios Sociais e Migracións, súmase á posta en marcha a comezos de ano doutra cun fin moi similar: unha axuda directa aos ucraínos que actualmente continúan en Galicia e se atopan nunha situación de exclusión social.

 

A Xunta habilitou unha axuda de 400 euros por persoa, ao que se lle pode incrementar 100 euros por menor a cargo. Teñen ata o 6 de febreiro para solicitar este apoio económico. Para facelo, poden realizar a súa solicitude por vía electrónica ou acudir aos servizos sociais comunitarios de referencia.

Data de actualización: 19/01/2023