O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria correspondente ao ano 2022

A Xunta concede 180 axudas para a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, de baixas emisións ou eléctricos, cun investimento de 904.000 €

Nesta convocatoria, as axudas ao sector do taxis facilitaron a compra de 27 vehículos adaptados; de 142 taxis de baixas emisións; e de 11 vehículos de emisións cero

As subvencións concedidas foron de ata 4.000 € para os taxis de baixas emisións, 6.000 para vehículos de emisións cero e 10.000 para taxis adaptados

A Xunta leva investido desde o 2016 máis de 4,5 M€ nestes incentivos, como apoio aos profesionais do taxi, un sector que en Galicia dá emprego a máis de 3.600 familias

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2023

A Xunta concedeu no último ano 180 axudas ao sector do taxi para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida, vehículos de baixas ou cero emisións, cun investimento total de 904.000 euros.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución que recolle a listaxe dos beneficiarios destas axudas concedidas para a adquisición destes vehículos, no marco da convocatoria do ano 2022.

 

As subvencións son de ata 4.000 euros para os taxis de baixas emisións, 6.000 euros no caso de vehículos de emisións cero e 10.000 euros para coches adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida.

 

En concreto, nesta convocatoria da Xunta as axudas ao sector do taxis facilitaron a compra de 27 vehículos adaptados; de 142 taxis de baixas emisións; e de 11 vehículos de emisións cero. Para ampliar a información sobre esta resolución pode consultarse o DOG a través do seguinte enlace: https://acortar.link/zt9OZW 

 

Ampliación da convocatoria

Coa publicación hoxe desta resolución dáse cumprimento á necesaria publicidade destes incentivos do Goberno galego ao sector do taxi, tras terse ampliado o pasado mes de xullo en 400.000 euros a convocatoria inicial de axudas, publicada no DOG en decembro de 2021, tras esgotarse o crédito previsto, que ascendía a 500.000 euros.

 

O obxectivo da Xunta é reforzar a aposta do sector do taxi pola inclusión social, financiando a adquisición de vehículos adaptados ás diferentes necesidades de mobilidade e sumar aos profesionais á loita contra o cambio climático, dotándoos de vehículos menos contaminantes.

 

Deste xeito, a convocatoria de incentivos da Xunta para a adquisición de vehículos adaptados, de emisións cero ou de baixas emisións eleva as axudas concedidas polo Goberno galego a este colectivo a máis de 4,5 M€ desde o ano 2016.

 

Con estes incentivos, a Xunta aposta por apoiar aos profesionais do taxi, un sector que en Galicia dá emprego a máis de 3.600 familias e que, pese ás dificultades, fai un esforzo de adaptación continuo.

Data de actualización: 19/01/2023