A Xunta tramita a inscrición do monte veciñal Valdaios, Paradela e Touza, do Barco de Valdeorras, no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se somete a información pública este procedemento de inscrición no devandito rexistro
En concreto, inscribiranse 21,54 hectáreas do monte, composto por unha mouteira de aciñeiras e sobreiras de titularidade da comunidade de montes veciñais en man común Raxoá, As Carreiras, Millarouso e Santurxo
A partir de mañá, calquera persoa poderá examinar na Xefatura Territorial de Medio Rural de Ourense os documentos correspondentes a estes expedientes de inscrición e presentar as alegacións que estimen oportunas, nun prazo máximo de dous meses
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se somete a información pública o procedemento de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas do monte de Valdaios, Paradela e Touza, no concello ourensán do Barco de Valdeorras. En concreto, inscríbense 21,54 hectáreas compostas por unha mouteira de aciñeiras e sobreiras de titularidade da comunidade de montes veciñais en man común Raxoá, As Carreiras, Millarouso e Santurxo.
Cabe sinalar que, na actualidade, xa existen 50 masas inscritas no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas: 5 na provincia da Coruña, 14 en Lugo, 21 en Ourense e 10 en Pontevedra, cunha superficie total de 4.056,94 hectáreas.
O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230119/AnuncioG0426-291222-0004_gl.html