A Xunta convoca a liña de apoios de ata 40.000 euros para que entidades de iniciativa social desenvolvan programas de apoio a mulleres vulnerables

O Goberno galego publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a nova convocatoria á que destinará 1,4 M€
 

Apoiaranse actuacións de atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación intercultural e/ou familiar, orientación laboral ou de adquisición de habilidades
 

As beneficiarias dos programas serán, entre outras, vítimas da violencia de xénero, de explotación sexual, laboral ou de trata, inmigrantes, refuxiadas ou reclusas
 

Desde 2009 a Administración autonómica investiu case 15 M€ nesta liña de apoio con máis de 66.000 mulleres en situación de especial vulnerabilidade atendidas
 

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova convocatoria por valor de 1,4 millóns de euros coa que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade porá en marcha, a través das entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade como vítimas da violencia de xénero, de explotación sexual-laboral, inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas, pertencentes a unha minoría ou reclusas, entre outras.

Ao abeiro da convocatoria recibirán financiamento as entidades que promovan recursos integrais que se dirixan de xeito específico a mulleres en situación de especial vulnerabilidade xestantes ou lactantes -con fillos ou fillas menores de tres anos- para contribuír ao seu desenvolvemento persoal, familiar e laboral e a súa autonomía económica e afectiva. Tamén se apoiarán programas de atención personalizada e especializada para as mulleres pertencentes aos colectivos vulnerables con actuacións no eido da atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación, adquisición de habilidades persoais e sociais ou apoio e orientación laboral.

A Xunta persegue con esta iniciativa que as mulleres con maiores dificultades poidan recibir seguimento e tamén mellorar as súas opcións de emprego e expectativas sociais e persoais. Por este motivo, as  actuacións deberán ter en conta o diferencial feminino e o fomento da igualdade de oportunidades como elemento básico da atención especializada.  

O período de referencia para o desenvolvemento dos programas e para a imputación dos gastos financiables será o comprendido entre o 1 de setembro de 2022 e o 31 de agosto de 2023. A contía máxima da axuda para as entidades beneficiarias será de 40.000 euros.

As axudas poden solicitarse desde mañá e ata o próximo 20 de febreiro.

En 2022, un total de 59 entidades recibiron estas axudas. Cos seus programas chegaron a máis de 3.800 mulleres.

Desde o ano 2009, a Xunta de Galicia leva destinados a esta liña de apoios un total de 14,9 millóns de euros para financiar programas nos que tomaron parte máis de 66.400 mulleres en esas condicións de especial vulnerabilidade.

A iniciativa forma parte das medidas que está a desenvolver a Xunta de Galicia no marco do VIII Plan estratéxico para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027. Cun orzamento de 935,5 millóns de euros, o maior da historia dun documento de planificación destas características, desenvólvese co reto de avanzar na loita contra as discriminacións e previr a violencia de xénero para conseguir unha igualdade de xénero real e efectiva en todos os ámbitos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/01/2023