A Xunta abre o prazo das axudas para melloras nas infraestruturas municipais, dotadas con 3,5 M€

A través da orde publicada hoxe no DOG o Goberno galego apoia a execución de obras nas redes de luz pública, pavimentación de camiños municipais, parques infantís e instalacións destinadas á prestación se servizos municipais
 

Diríxese a concellos de menos de 30.000 habitantes, que poden solicitar as subvencións de xeito individual ou conxunto
 

A iniciativa enmárcase no compromiso do Executivo autonómico coas administracións locais, como entidades máis próximas á cidadanía
 

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se convocan as axudas para a creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Dotada cun orzamento de 3,5 millóns de euros, a iniciativa enmárcase nas liñas de apoio do Goberno galego aos concellos, que xa poden pedir estas subvencións a partir de mañá.

A través desta convocatoria subvenciónanse as obras de instalación, ampliación ou mellora das redes de luz pública e de pavimentación en camiños públicos municipais. Tamén poden acollerse ás axudas as obras de construción, mellora e ampliación de parques infantís, así como a súa cubrición ou a construción de novos parques infantís cubertos.
 
Canto aos edificios ou dependencias destinados á prestación de servizos municipais, poderán subvencionarse as obras de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación, as de adaptación para a súa accesibilidade e a dotación de equipamentos. Deste xeito, considéranse gastos subvencionables os vinculados coa execución das obras e a adquisición de mobiliario e de material de oficina, informático e audiovisual.
 
As axudas van dirixidas aos concellos, que poden solicitalas de xeito individual ou mediante asociacións ou agrupacións, sempre que teñan menos de 30.000 habitantes de acordo coas cifras do padrón municipal e teñan remitida a conta xeral correspondente ao exercicio de 2021 ao Consello de Contas. Cada concello pode presentar un máximo de dúas solicitudes, sempre que unha delas sexa individual e outra conxunta e para actuacións diferentes. Ademais, cada petición debe corresponderse cun único proxecto, que pode abranguer varias accións.
 
A colaboración do Goberno galego financiará ata o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais e de 50.000 euros para as conxuntas. Nos criterios de avaliación incentívanse os proxectos conxuntos e, dentro das tipoloxías, as melloras en parques infantís como medida de apoio ás familias e ao impulso demográfico.
 
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal no prazo dun mes desde mañá.

Apoio ás dotacións 

Con esta iniciativa o Goberno galego quere impulsar a calidade de vida da veciñanza das áreas rurais a través da colaboración cos concellos, como entidades máis próximas á cidadanía e motores do desenvolvemento económico. O obxectivo é mellorar das dotacións e infraestruturas básicas e dos servizos municipais. Búscase así favorecer a fixación de poboación e garantir o equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano, o interior e da costa, a prol dunhas óptimas condicións de vida con independencia do lugar de residencia.

Ao abeiro da convocatoria, no ano 2022 financiáronse en Galicia 108 actuacións, a maioría relacionadas coas melloras nos edificios ou dependencias municipais. Os 30 proxectos deste tipo supuxeron unha achega superior aos 812.102 euros. Destacan tamén as 29 actuacións en parques infantís por case 959.362 euros, co obxectivo de ofrecerlles ás familias e á rapazada espazos de lecer.

Para mellorar a calidade de vida nos núcleos rurais dos municipios tamén se concederon 24 axudas para a pavimentación de camiños públicos, que sumaron 890.746 euros, e 18 relacionadas coa posta en marcha ou o acondicionamento de instalacións deportivas municipais, cunha achega global de 603.153 euros. Os sete proxectos restantes combinaron distintas tipoloxías e representaron unha suma de 226.523 euros.  

A provincia da Coruña foi a que máis axudas recibiu, con 31, seguida de Ourense, con 27, e de Lugo e Pontevedra, con 25 cada unha delas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/01/2023