O conselleiro de Educación asiste ao Encontro Internacional Erasmus+ que congrega en Ferrol a profesorado de nove países
Docentes de 300 centros educativos participan nos intercambios internacionais para mellorar as súas competencias e a innovación pedagóxica
Román Rodríguez destaca que esta iniciativa “supón unha das maiores oportunidades para coñecer novos modelos educativos e poñer en valor a nosa visión desde Galicia”
Galicia sitúase entre as tres comunidades autónomas con máis proxectos propios no ámbito da Formación Profesional
As áreas de inclusión e diversidade, transformación dixital, medio ambiente e sustentabilidade son as máis demandadas
Ferrol, 18 de xaneiro de 2023
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, salienta a importancia dos programas internacionais de intercambio docente no marco do Eramus+ como unha “ferramenta fundamental” para a mellora da formación do profesorado e a súa repercusión na calidade do noso sistema educativo. “Isto -afirmou- ten un dobre beneficio para Galicia: por unha banda familiarizarse con novos modelos pedagóxicos e, por outro, exhibir a excelencia e a singularidade que posúe o noso sistema educativo”.
Así o asegurou no Encontro Internacional Erasmus+ que entre hoxe e mañá congrega en Ferrol uns 300 docentes de nove países distintos para debater e explorar distintas vías formativas en ámbitos como a inclusión, a internacionalización, as novas tecnoloxías ou o plurilingüismo a través de charlas, mesas redondas e obradoiros.
Preto de 300 centros educativos participaron o pasado curso en distintas actividades de mobilidade no marco do Erasmus+ con proxectos no entorno escolar, no ámbito da educación para persoas adultas e no da Formación Profesional. En concreto na FP, Galicia destaca entre as tres comunidades autónomas con proxectos propios.
Canto ás temáticas, as áreas máis demandadas á hora de desenvolver iniciativas no estranxeiro son as de inclusión e diversidade, a transformación dixital, o medio ambiente e a sustentabilidade.
Finalmente o conselleiro loou o papel tractor que desempeña o Centro de Formación do Profesorado de Ferrol no Erasmus+, que se traduce na participación activa de máis do 90% dos centros educativos de Ferrolterra nalgunha das distintas iniciativas desenvolvidas ao abeiro do mesmo.