A Xunta asiste á presentación do proxecto de voluntariado interxeracional ‘A memoria de Ames’

O Concello participa na convocatoria do Goberno galego para o impulso de iniciativas que fomenten o encontro entre persoas maiores e xente nova de entre 16 e 35 anos
 

Este proxecto, no que participan un total de 14 persoas voluntarias, busca recuperar a memoria deste municipio a través dos recordos das persoas que habitan nel
 

Ames (A Coruña), 18 de xaneiro de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta mañá á presentación do proxecto A memoria de Ames, unha iniciativa que se enmarca dentro do programa de voluntariado interxeracional impulsado pola Xunta de Galicia e que busca recuperar a memoria dos lugares deste municipio, fundamentalmente das tradicións vinculadas aos muíños, a través dos recordos das persoas que habitan nel.

A directora xeral sinalou que con este proxecto o Concello de Ames logra traballar nun dos aspectos que máis afectan á nosa poboación como é a fenda dixital e social entre as persoas maiores e a xuventude. A memoria de Ames combina as perspectivas social, cultural e turística mediante sesións que fomentan a convivencia entre a veciñanza e que recuperan a historia deste municipio. Nel participan un total de 14 persoas voluntarias.
 
O Goberno galego financia 18 proxectos de voluntariado interxeracional a través de entidades de acción voluntaria e entidades locais. Entre os proxectos que se impulsan atópase a recuperación de oficios tradicionais, o aproveitamento das novas tecnoloxías ou o coñecemento da produción agroalimentaria. A Xunta destina a esta finalidade 500.000 euros.  
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/01/2023