A Xunta recibe 8 ofertas para a nova mellora do acceso da Vía Ártabra ao porto de Lorbé, en Oleiros, que suporá un investimento de máis de 290.000 euros

Mellorarase o acceso ao porto de Lorbé desde a intersección da Vía Ártabra coa estrada provincial CP-5802 ata a entrada ao recinto portuario

As obras, cun prazo de execución de 6 meses, prevén o seu comezo nesta primavera

Proponse unha mellora substancial do acceso coa ampliación do radio da curva actual, a adecuación da pendente, a ampliación da plataforma dotándoa de aparcadoiro, beirarrúas, alumeado e arboredo

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2023

A  Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu 8 ofertas de empresas para executar as obras da nova mellora do acceso da Vía Ártabra ao porto do Lorbé, no concello de Oleiros, que suporá un investimento de máis de 290.000 euros.

 

O obxectivo da actuación é mellorar o acceso ao porto de Lorbé desde a intersección da Vía Ártabra coa estrada provincial CP-5802 ata a entrada ao recinto portuario. A Xunta traballa coa previsión de comezar as obras na primavera, cun prazo de execución de 6 meses.

 

Mediante este contrato búscase mellorar a plataforma e o trazado do tramo final da Vía Ártabra neste punto para dar un acceso axeitado ao porto de Lorbé.

 

Na actuación proponse unha mellora substancial do acceso en varios aspectos, comezando pola ampliación do radio da curva actual e a adecuación da pendente, mellorando o trazado e a visibilidade.

 

As obras deseñadas polo departamento de Infraestruturas da Xunta inclúen a ampliación da plataforma e a ordenación dos aparcadoiros ao longo da estrada, a dotación de beirarrúas, alumeado e arboredo na zona de actuación.

 

Ademais, executarase unha senda peonil para facilitar aos peóns o acceso aos seus vehículos aparcados.

 

Construirase tamén un muro de 1 metro de altura e 0,50 de ancho e de 42 metros de lonxitude.

 

A intervención incluirá as obras de drenaxe, coa colocación de 13 sumidoiros novos, e a limpeza de 69 metros de gabia.

 

Para acometer os traballos non é precisa expropiación algunha, xa que as obras están incluídas dentro da franxa de dominio público da estrada.

Cómpre lembrar que a Xunta abriu ao tráfico en abril de 2017 un novo acceso ao porto de Lorbé, a través da AC-526, destinado un investimento de máis de 1,6 M€. As expropiacións necesarias para a súa construción e as obras foron realizadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como unha colaboración con Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/01/2023