As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e os presidentes destas entidades, Diego Vázquez Reino e Antonio Couceiro, respectivamente, selaron esta mañá o acordo

A Xunta, o Instituto Tecnolóxico de Galicia e a Federación Galega da Construción colaboran nunha base oficial de prezos de referencia que permitirá que os proxectos de obras públicas se adecúen ao mercado en cada momento

Incluirá as obras de edificación e de urbanización e as actuacións en infraestruturas viarias, actualizándose cada 6 meses para que os novos proxectos se axusten aos prezos do mercado

Ángeles Vázquez salienta que o obxectivo é facilitar a viabilidade dos proxectos que impulse a Xunta contando cos que máis saben tanto da realidade do mercado como dos factores que poden influír na flutuación dos prezos

Ethel Vázquez subliña que se acadará unha maior efectividade e adaptación dos contratos públicos á realidade cambiante e refire a anticipación e previsión coa que vén actuando a Xunta para a revisión dos prezos dos contratos públicos

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2023

A Xunta, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITC) e a Federación Galega da Construción colaboran na elaboración dunha base oficial de prezos de referencia que permitirá que os proxectos de obras públicas se adecúen ao mercado en cada momento.

 

As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto cos presidentes da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino, e do Instituto Tecnolóxico de Galicia, Antonio Couceiro, selaron hoxe en San Caetano o convenio para materializar esta cooperación, de especial importancia para a obra pública, posto que aglutinará as obras de edificación, de urbanización e as actuacións en infraestruturas viarias.

 

Ethel Vázquez incidiu no obxectivo deste acordo, polo que as partes se comprometen a ter unha base oficial de prezos de referencia para edificación e obra civil, que será revisada e actualizada cada seis meses para acadar unha maior efectividade na contratación das obras públicas e lograr que os prezos de licitación dos proxectos se adecúen ao mercado en cada momento.

 

Indicou que está é unha liña de traballo que a Axencia Galega de Infraestruturas, como órgano por excelencia de contratación da Xunta en obra civil, vén desenvolvendo nas obras de estradas e de edificación, que agora se estenderá, unificará e actualizará da man do Instituto Galego da Vivenda e Solo, o Instituto Tecnolóxico de Galicia e a Federación Galega da Construción.

 

A titular do departamento de Infraestruturas da Xunta apuntou o obxectivo común de acadar unha maior efectividade e adaptación dos contratos públicos á realidade cambiante, dados os vaivéns derivados de situacións como a guerra de Ucraína, a crise enerxética, o incremento dos prezos dos combustibles e das materias primas ou os problemas de subministros.

 

Ethel Vázquez fixo fincapé no valor desta iniciativa, que vai a permitir que todos os novos proxectos que a administración autonómica vaia pechando para sacar a licitación estean máis axustados ao prezo do mercado.

 

A base de prezos será pública e estará ao servizo de todas as administracións para a súa consulta na elaboración de proxectos e pregos de obras públicas.

 

A este respecto, a conselleira afirmou que esta previsión e xestión, no caso concreto da Axencia Galega de Infraestruturas, está a dar resultados, evitando que os concursos de obra pública queden desertos ou as obras teñan que paralizarse, máis alá de casos puntuais e illados. Ethel Vázquez subliñou que seguindo esta política de anticipación e planificación pioneira, que permitiu no seu momento mitigar o impacto do incremento de prezos no sector da construción, o departamento que dirixe tamén está a revisar á alza, para adecualos ao prezo actual do mercado, os proxectos antes de sacalos a licitación.  

 

Concretou que en 2022 a Axencia Galega de Infraestruturas licitou 56 contratos en concurso aberto por importe de 181 M€, xa axustados ao prezo de mercado, o que fixo os proxectos viables. Ademais, dixo, estanse a tramitar as 38 peticións de revisión extraordinaria de prezos recibidas na Axencia Galega de Infraestruturas, aos que se suman outras 10 en materia de infraestruturas hidráulicas. Esta xestión da Xunta, incidiu, ten permitido garantir a execución de infraestruturas e equipamentos públicos estratéxicos, como a ampliación do IFEVI, a estación de autobuses intermodal de Vigo, as actuacións viarias como a 1ª fase da autovía Nadela-Sarria ou a execución da VAP Tui-A Guarda, ou obras hidráulicas como o emisario dos Praceres en Pontevedra.

 

Ethel Vázquez concluíu destacando que co convenio hoxe asinado para ter esa base oficial de prezos de referencia para edificación e obra civil, refórzase a colaboración co sector da construción para acadar un dobre obxectivo común: garantir a execución de obras públicas autonómicas estratéxicas e preservar o emprego dun sector que aglutina 80.000 traballadores.

Colaboración e apoio ao sector da construción

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda puxo en valor a colaboración que vén prestando neste eido o Instituto Tecnolóxico de Galicia, un traballo que permite que “contemos cunha base de datos de prezos da construción e edificación na Comunidade relativa á vivenda” e que agora se amplía a toda obra que impulse a Xunta.

Ángeles Vázquez tamén incidiu no apoio do Goberno galego ao sector da construción e, de feito, en materia de vivenda “detectamos varias problemáticas que fomos resolvendo con boa vontade entre a Consellería e o sector”. Nesa liña, lembrou que se volveu licitar a licitación das obras de urbanización de San Paio de Navia para adaptala á situación actual.

Para concluír, salientou que o obxectivo do convenio asinado hoxe é facilitar a viabilidade dos proxectos que impulse a Xunta contando cos que máis saben tanto da realidade do mercado como dos factores que poden influír na flutuación dos prezos, como é o caso da Federación Galega da Construción.

O convenio asinado hoxe prevé unha revisión de datos con carácter semestral, para adaptala aos movementos do mercado, xunto coa creación dun grupo de traballo composto por 2 técnicos do Instituto Galego da Vivenda e Solo; 2 técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas; 1 representante da Federación Galega da Construción e 5 técnicos do Instituto Tecnolóxico de Galicia. O convenio estenderá a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2026.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/01/2023