Fernández-Tapias visita as reformas realizadas na Asociación de Veciños de San Miguel de Oia dentro do plan de acción comunitaria do Goberno galego

A delegada territorial da Xunta en Vigo mantivo este martes unha reunión de traballo cos responsables do colectivo veciñal da parroquia viguesa

O Goberno galego publicou a nova orde de axudas do Plan específico de acción comunitaria para asociacións de veciños e comunidades de usuarios de augas

As achegas concedidas aos colectivos vigueses no ano 2022 chegou ata 19 asociacións e sumou un total de 238.875,64 euros

Vigo, 18 de xaneiro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo este martes unha xuntanza de traballo coa directiva da Asociación de Veciños de San Miguel de Oia. A representante autonómica visitou o local do colectivo veciñal no que se realizaron obras nos últimos meses con achegas do Goberno galego.

 

Fernández-Tapias comprobou as reformas realizadas na sede ao abeiro do Plan de acción comunitaria da Xunta, que no caso de San Miguel de Oia ascenderon a 17.000 euros e estiveron destinadas á colocación de tarima flotante e á instalación dun proxector, entre outras accións. Pola súa banda, os responsables da asociación relataron a situación actual do barrio vigués e estudaron as liñas de colaboración coas diferentes administracións públicas.

 

A visita coincidiu coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da convocatoria deste ano 2023 das subvencións dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais -incluídas confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños-, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais.

 

A Xunta mantén a dotación de 3 millóns de euros do ano pasado co obxectivo de garantir a actividade destes colectivos coa finalidade de mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar a participación veciñal e a cohesión social, contribuíndo deste xeito a satisfacer as necesidades e aspiracións da veciñanza.

 

Achegas a AAVV de Vigo e a súa área

No caso de Vigo, dezasete asociacións veciñais recibiron no ano 2022 un total de 238.875 euros, cifra que superou a concedida en 2021 (201.364 euros). Respecto do total dos municipios da área territorial viguesa as achegas foron para 55 colectivos cun total de 740.468 euros, tamén superior á de 2021 (601.241 euros).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/01/2023