A Xunta apoia a 40 entidades sociais na promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero con preto de 780.000 € con cargo ao 0,7% do IRPF

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución desta liña de axudas dirixida a financiar programas para apoiar a mulleres en situación de especial vulnerabilidade
 

Desde 2018 a Secretaría Xeral da Igualdade concedeu máis de 2,3 millóns de euros para financiar 122 programas
 

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2023

A Xunta destinará preto de 780.000 euros, con cargo ao 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) correspondente á comunidade, a apoiar programas de 40 entidades sociais para impulsar o liderado da muller, o apoio ás mulleres en situación de especial vulnerabilidade e a loita contra a violencia de xénero.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, propiciará con estas axudas iniciativas das entidades sociais que teñan por beneficiaras a mulleres que se atopan en situación de vulnerabilidade: vítimas da violencia de xénero ou de outras violencias, mulleres en situación de explotación sexual-laboral ou de trata de persoas, inmigrantes, refuxiadas, reclusas, mulleres de minorías étnicas, etc. 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución desta iniciativa coa que se apoiará o desenvolvemento dos programas que se executen entre o 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2023. Para iso, as 40 entidades beneficiarias están a recibir as axudas mediante anticipos para levar a cabo, entre outros, accións de aloxamento, acollemento, atención e asesoramento, formación e información para o liderado da muller, e actuacións que incidan na conciliación.

Tamén recibirán este financiamento os programas de tratamento integral de vítimas da violencia de xénero, as propostas dirixidas á protección e seguridade das vítimas da violencia de xénero e das súas familias, así como para o tratamento integral da saúde das mulleres, sobre todo no eido da sexualidade.

A convocatoria está financiada con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF dos orzamentos do Estado que corresponden á comunidade galega.

Nos últimos catro anos (2018, 2019, 2020 e 2021) a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinou máis de 2,3 millóns de euros no marco desta convocatoria a financiar un total de 122 programas de interese xeral das entidades beneficiarias.  A esta cantidade súmanse agora os preto de 780.000 euros que se vén de conceder a 40 entidades para o desenvolvemento dos programas ao longo deste exercicio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/01/2023