A Xunta licita a restauración do ciborio e fachada sur da catedral de San Martiño de Ourense

A Consellería de Cultura inviste case 600.000€ para garantir a protección e conservación deste Ben de Interese Cultural
 

Unha vez adxudicado o contrato, as obras terán unha duración aproximada de cinco meses e permitirán, entre outros aspectos, eliminar as filtracións de auga no ciborio e frear o proceso de arenización na fachada
 

Estas actuacións forman parte do compromiso do Goberno autonómico neste monumento, no que leva investidos preto de 2,7M€ desde 2015
 

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2023

A Xunta de Galicia licitou as obras de restauración do ciborio e fachada sur da catedral de San Martiño en Ourense. Trátase dunha actuación incluída no Plan Catedrais de Galicia 2021-2027 dotada con case 600.000€ dirixida a garantir a protección e conservación deste Ben de Interese Cultural e que eleva o compromiso da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades con este monumento, no que investiu preto de 2,7 millóns de euros desde o ano 2015 e no que ten actualmente obras en marcha.

Unha vez adxudicadas, as obras terán unha duración aproximada de cinco meses e permitirán, entre outros aspectos, mellorar as condicións de conservación da fachada e eliminar as filtracións de auga que afectan á zona do ciborio e que están a provocar problemas de arenización na pedra e aumento da presencia de sales. Ademais, tamén se mellorará o sistema de evacuación de augas pluviais e de ventilación e se solucionarán os problemas de estanquidade nas fábricas.
 

Cambio na cuberta

En concreto, na zona do ciborio substituirase a cobertura de baldosín por unha cuberta de zinc e proxectarase un novo acceso para o mantemento. Así mesmo, tamén está previsto cambiar o sistema de evacuación de augas pluviais por outro que teña carácter continúo e unitario que evite as filtracións e realizar traballos complementarios nas cazoletas e conducións interiores ata as gárgolas.

Co fin de resolver os problemas de humidade e garantir unha mellor ventilación, tamén se propón, entre outras medidas, a impermeabilización no paso de ronda, a limpeza das fábricas e a substitución das carpinterías. O proxecto complétase coa eliminación do sistema antipaxaros existente e coa restauración da crestería, cordón trenzado, baquetóns dos ocos e demais elementos singulares.
 

No toncante á fachada sur, os traballos centraranse en limpar de conolonizacións biolóxicas e sucidade a pedra e en cambiar os rexuntados de morteiro de cemento por uns de cal. Igualmente, actuarase nos beirís, cornixas e cubertas do tellador para minizar o impacto da auga na fachada e mellorarase a carpintaría da vidrera do rosetón.

Por último, os traballos contemplan a restauración da porta de madeira fachada, das portadas románicas, do torreón, dos vítores e dos elementos escultóricos do tellador.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2023