A Xunta concede dous millóns de euros a Aceesca para a construción dunha nova residencia de atención á discapacidade no Porriño

Esta asociación de apoio ás persoas con diversidade intelectual é unha das dez entidades de Galicia beneficiarias da nova orde de axudas para a construción ou remodelación de centros de titularidade social, dotada de 13 millóns de euros
 

O Executivo autonómico tamén destina 800.000 euros anuais a financiar máis de 70 prazas nos centros de día e ocupacional de Aceesca
 

Porriño (Pontevedra), 17 de xaneiro de 2023

A  Xunta outorgoulle dous millóns de euros a Aceesca, asociación centrada no apoio a persoas con diversidade intelectual, para a creación dunha residencia de atención á discapacidade no Porriño. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada da delegada territorial da Administración autonómica en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe as instalacións desta asociación.

Aceesca é unha das dez entidades de Galicia que se beneficiará da nova orde de axudas para a construción ou remodelación de centros para a atención a persoas maiores e con discapacidade de titularidade social, dotada de 13 millóns de euros. Con este apoio económico por parte do Goberno galego, Aceesca creará un novo centro residencial con 48 prazas.
 

Fabiola García destacou o traballo que realiza esta entidade do Porriño nos seus centros de día e ocupacional, nos que a Xunta financia no seu conxunto 73 prazas ás que destina 800.000 euros ao ano —36 prazas no centro de día e 37 no centro ocupacional—.  Ademais, recoñeceu o compromiso do Concello do Porriño na atención ás persoas con discapacidade e aos maiores, e sinalou que o Goberno galego seguirá a traballar da man da Administración local para ampliar aínda máis o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou para levar ao municipio atención gratuíta en audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria a través do programa de Coidados porta a porta.

Vehículos adaptados e subida salarial

A conselleira tamén referiuse a outras medidas dirixidas a apoiar ás entidades que actúan no ámbito da discapacidade, como a nova orde de axudas para a adquisición de vehículos adaptados, dotada de 3,6 millóns de euros e das que se beneficiarán 80 entidades, entre elas Aceesca. Así mesmo, salientou o apoio prestado por parte do Executivo autonómico ás entidades para a actualización salarial dos seus profesionais, cunha axuda específica de máis de tres millóns de euros.

 
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2023