A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou en Vigo no acto de botadura de tres barcos patrulleiros fretados pola Axencia Europea de Control da Pesca

A Xunta apela á colaboración entre as institucións europeas en materia de control e inspección da actividade pesqueira

A titular de Mar avogou pola unión de forzas para erradicar a pesca non declarada e non regulamentada ao supoñer un prexuízo para os traballadores do mar e para a saúde dos propios consumidores
 

O Goberno autonómico destina este ano ao Servizo de Gardacostas preto de 27 millóns de euros para que siga sendo punteiro no control e coidado das rías galegas
 

Vigo, 17 de xaneiro de 2023

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe en Vigo o traballo conxunto entre as institucións europeas en materia de control e de inspección da actividade pesqueira e avogou por seguir unindo esforzos para acabar coas prácticas ilícitas vinculadas coa actividade. Así o destacou hoxe durante o acto de botadura de tres barcos patrulleiros fretados pola Axencia Europea de Control da Pesca e que son o Ocean Sentinel, Ocean Guardian e Ocean Protector.

A titular de Mar defendeu a importancia de loitar contra a actividade ilegal, non declarada e non regulamentada por tratarse dun prexuízo económico para os traballadores do mar e un perigo para a saúde dos consumidores. Neste sentido, puxo en valor o papel do Servizo de Gardacostas de Galicia, que é a única comunidade de España cun servizo propio destas características, ao que este ano a Xunta destina preto de 27 millóns de euros para que siga sendo punteiro nas tarefas de control e coidado das rías galegas.

Esta loita, sinalou a conselleira, únese ás tarefas de coordinación operativa e de control que dirixe a EFCA. Ademais, celebrou os novos medios materiais cos que contará agora para perseguir o obxectivo común de que todos os profesionais do mar realicen a súa actividade en igualdade de condicións en toda Europa. Un xeito, insistiu, de que todos teñan as mesmas obrigas e sexan tratados de igual forma independentemente do lugar no que operen.

Con respecto aos buques presentados hoxe, o Ocean Sentinel ten entre as súas actuacións posibles o salvamento, o rescate e a loita contra a contaminación e estará acompañado polo remolcador Ocean Guardian nas tarefas de vixilancia en augas do Atlántico Norte. Pola súa banda, o Ocean Protector é a máis moderna das tres embarcacións e operará no Mediterráneo, Mar Negro e Atlántico oriental.

A Axencia Europea de Control da Pesca, con sede en Vigo, ten como misión principal velar polo cumprimento das normas en materia de control, inspección e seguimento da actividade pesqueira. De feito, a súa principal función é organizar a coordinación e a cooperación entre as actividades nacionais de control e inspección para que se aplique e respecte eficazmente a normativa da Política Pesqueira Común

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 17/01/2023