A Xunta destina 3 M€ en axudas ás asociacións de veciños e de mulleres rurais e ás comunidades de usuarios de augas de Galicia

O DOG publica hoxe a orde de axudas do Plan específico de acción comunitaria para asociacións de veciños e de mulleres rurais, e para comunidades de usuarios de augas

Esta convocatoria conta cunha liña de 2,5M€ para sufragar obras nos locais sociais destas entidades e a reparación das traídas de augas comunitarias e outra de 500.000 euros destinada á adquisición de equipamentos

As axudas que se conceden poden acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para dotación de equipamentos

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria deste ano das subvencións dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais -incluídas confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños-, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais.

 

A Xunta mantén a dotación de 3 millóns de euros do ano pasado co obxectivo de garantir a actividade destes colectivos coa finalidade de mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar a participación veciñal e a cohesión social, contribuíndo deste xeito a satisfacer as necesidades e aspiracións da veciñanza.

 

De feito, esta orde de axudas permitiu a 224 entidades veciñais realizar obras nos seus locais sociais, adquirir novo mobiliario e equipamento ou reparar captacións e traídas de auga no caso das comunidades de usuarios de augas. O investimento realizado pola Administración autonómica desde que en 2016 se puxo en marcha este plan supera os 16 millóns de euros, cos que se apoiaron máis de 1.300 proxectos en toda Galicia.

 

Da nova convocatoria publicada hoxe poderán beneficiarse as asociacións veciñais ou de mulleres rurais inscritas debidamente no rexistro de asociacións da comunidade central ou provincial e as comunidades de usuarios de augas rexistradas no libro de rexistro de augas do correspondente organismo de bacía.

 

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións convocadas as asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas inscritas no rexistro público correspondente e asociacións de mulleres rurais de Galicia para realizar investimentos, tanto de obra como de equipamentos, en inmobles da súa titularidade ou dos cales lles corresponda o dereito de uso, e traídas de auga veciñais.

As entidades deberán estar debidamente inscritas no correspondente Rexistro de Asociacións central ou provincial da comunidade e conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociacións de veciños ou como asociación de mulleres rurais, segundo o caso.

No caso das comunidades de usuarios de augas tamén deberán estar legalmente constituídas e inscritas no libro do Rexistro de Augas do correspondente organismo de bacía como titulares do aproveitamento de augas para o cal solicitan subvención.

 

Actuacións subvencionables

Entre os proxectos subvencionables inclúense dúas liñas, unha delas dotada con 2,5 millóns de euros para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e para obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas.

 

Os 500.000 euros restantes da outra liña financian a adquisición de equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias. En concreto, mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual ademais doutros recursos para actividades específicas.

 

As axudas económicas que se concedan poderán acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras, e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos.

 
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal no prazo dun mes desde mañá. A orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación das solicitudes presentadas segundo os criterios de valoración establecidos na mesma.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2023