A Xunta organiza mañá o primeiro dos 11 cursos previstos este ano na AGASP para obter ou renovar a habilitación como persoal de control de acceso a espectáculos públicos

Os cursos de 6 horas na Academia Galega de Seguridade Pública adáptanse aos requisitos esixidos no novo decreto que regula a actividade que deben cumprir os controladores de acceso

Segundo publica hoxe o DOG ao longo deste ano celebraranse 11 edicións, unha cada mes agás en agosto, sempre que se reúnan os 20 inscritos requiridos

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a relación dos 11 cursos previstos ao longo deste 2023 para obter ou renovar a habilitación como persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

 

Trátase de cursos de 6 horas que se impartirán na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e que substitúen as probas de coñecementos e ao test psicolóxico que tiñan que superar os aspirantes antes da actualización do decreto de 2010 que regula os requisitos que deben cumprir os controladores de acceso para contar coa habilitación da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior que lles permite exercer as súas funcións. Así, coa nova normativa substituiranse estas probas anuais por un proceso máis curto a través dun curso de 6 horas convocado pola AGASP que será necesario superar.

 

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal desde maña e ata o 2 de xaneiro de 2024. As peticións para unha edición concreta do curso admitiranse ata como máximo 10 días hábiles antes da súa realización, segundo o calendario publicado hoxe tamén no DOG. O primeiro deles está previsto para mañá mesmo, 18 de xaneiro, e haberá unha convocatoria cada mes, agás en agosto.

 

Cando se acade un número mínimo de 20 solicitudes, a AGASP programará a súa realización e publicará na súa páxina web a listaxe de persoas admitidas e excluídas en cada edición e, ademais, as persoas interesadas recibirán un correo electrónico e un sms, indicándolles toda a información. No caso de que o número de peticións sexa inferior a 20, suspenderase o curso e os aspirantes serán inscritos na edición seguinte. 

 

A listaxe coas persoas admitidas e excluídas publicarase na páxina web da AGASP con polo menos sete días hábiles de anterioridade ao inicio de cada edición que se leve a cabo, unha vez reunido o número mínimo de solicitudes de participación recibidas. Celebraranse na sede da Academia Galega de Seguridade Pública na Estrada e o horario das clases será das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 17.30 horas

 

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude o certificado de aptitude psicolóxica expedido por un centro médico-psicotécnico debidamente autorizado, ou por persoal colexiado coa titulación de Psicoloxía ou Medicina. Ao remate farase un exame de coñecementos que consistirá nun test de 20 preguntas. Para obter os 5 puntos será necesario responder correctamente 10 preguntas.

Entre as funcións do persoal de acceso, atópanse as de controlar a entrada das persoas ao establecemento, comprobar a súa idade e identidade, controlar a adquisición da entrada ou localidade, supervisar que non se exceda a capacidade máxima autorizada, vixiar que as bebidas non sexan sacadas do local, prohibir o acceso fóra do horario de peche, e incluso, se fose necesario, auxiliar as persoas que se encontren feridas e chamar ao teléfono de emerxencias correspondente.

O Goberno galego contribuíu co novo decreto a unha regulación dos requisitos que debe cumprir o persoal de acceso para exercer as súas funcións máis práctica e adaptada á realidade e á normativa actual. Deste xeito, preténdese simplificar e axilizar os procesos tanto para a obtención como para a renovación da habilitación reformulando o temario da proba de coñecemento. Así, segundo o temario xa dispoñible na páxina web da AGASP para estes cursos con contidos como a normativa de xogo, as medidas de seguridade e os horarios nos establecementos abertos ao público ou o réxime xurídico das persoas menores de idade.

Data de actualización: 17/01/2023