A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe esta iniciativa que fomenta o envellecemento activo

A Xunta financia mediante un convenio de 60.500 € a creación das aulas do maior de Ribeira que benefician xa a 70 maiores

¡Levan tres meses en funcionamento e nelas realízanse obradoiros de memoria, novas tecnoloxías, actividades de alfabetización e exercicio físico como o taekwondo


Fabiola García anuncia que o Goberno galego incrementará as horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) á disposición do Concello de Ribeira


Nas vindeiras semanas publicarase a licitación da redacción do proxecto básico de execución da nova residencia do Barbanza
 

Ribeira (A Coruña), 16 de xaneiro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou hoxe que a Xunta de Galicia financiou a creación das aulas do maior de Aguiño, ás que acoden preto de 70 persoas, a través dun convenio de colaboración co Concello de Ribeira dotado con 60.500 euros.

 

Fabiola García explicou que con esta achega os maiores realizan obradoiros de memoria, novas tecnoloxías, alfabetización e exercicio físico, como o taekwondo cun grande éxito entre os participantes. Un conxunto de actividades que permiten favorecer un envellecemento activo e unha aprendizaxe continuada.

 

Así mesmo, salientou que as aulas levan en funcionamento tres meses e que, neste tempo, demostraron ser un servizo necesario, que repercute nunha mellor calidade de vida das persoas maiores. Neste sentido, recoñeceu que o Concello de Ribeira “é un exemplo a seguir porque pon actividades á disposición das persoas maiores en cada parroquia”, subliñou.

 

Máis horas de Servizo de Axuda no Fogar

A conselleira de Política Social e Xuventude anunciou que a Xunta de Galicia incrementará as horas do Servizo de Axuda no Fogar á disposición do Concello coa finalidade de continuar ampliando a atención a domicilio dos veciños de máis idade.

 

Ademais, informou que están a piques de rematar as obras de demolición da antiga discoteca Hesta Kurba, onde se emprazará a nova residencia pública autonómica de maiores do Barbanza, o primeiro centro no que se aplicarán as innovacións do novo modelo residencial. Así, nas vindeiras semanas procederase á publicación da licitación da redacción do proxecto básico de execución para a construción desta residencia que conta con 10 millóns de euros de orzamento e 100 prazas que se distribuirán en módulos de convivencia de 25 residentes.

 

Máis programas de envellecemento activo

Nesta liña, a conselleira de Política Social e Xuventude explicou que o Goberno galego ten como obxectivo poñer á disposición das persoas de máis idade programas de benestar adaptados á súas preferencias e que favorezan a súa autonomía.

 

Así, puxo de exemplo outras iniciativas levadas a cabo desde a Administración autonómica como os convenios realizados coas tres universidades galegas, que permitiron a máis de 2000 maiores de 65 anos realizar cursos universitarios o ano pasado; o programa de Benestar en Balnearios, que permitiu financiar estadías en establecementos da nosa Comunidade a máis de 600 persoas maiores; ou as Aulas Cemit, que levan formación dixital a máis de 100.000 galegos de máis idade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2023